O PSDEG denuncia que Jácome queira montar un mercado de nadal no parque de San Lázaro “de costas aos comerciantes”

O PSdeG-PSOE de Ourense denuncia que Gonzalo Pérez Jácome queira montar un mercado de Nadal no parque de San Lázaro “de costas aos comerciantes da cidade” e reclama que se convoque axiña a Mesa Local de Comercio, un foro de participación fundamental para escoitar as reivindicacións do sector e consensuar as iniciativas promovidas a nivel municipal que adoitaba reunirse unha vez ao mes durante o anterior mandato do PSOE cidade e que a día de hoxe é inexistente.

“Jácome actúa de xeito unilateral, sen ter en conta os colectivos realmente implicados e afectados polas súas decisións, como neste caso é o gremio dos comerciantes”, censuran as e os socialistas. “Non podemos seguir permitindo que sexa o propio alcalde quen vaia en contra dos intereses dos comerciantes, artesáns e hosteleiros de Ourense, e menos aínda nun tempo tan sinalado para a facturación local como é o Nadal”, sinalan.

AVANTAR ACTIVIDADES

Así o manifestan dende o grupo socialista logo de coñecer que o centro da cidade acollerá un tradicional mercado de Nadal organizado por unha empresa externa entre os días 2 de decembro e 6 de xaneiro, para o cal o goberno local non tivo en conta a participación dos representantes do sector en Ourense.

“O lóxico sería que se publicasen unhas bases reguladoras deste mercado para que ningún comerciante, artesán ou hostaleiro que quixese promocionar ou vender os seus produtos nas casetas quedase fóra desta iniciativa”, reclaman. 

Así as cousas, as e os socialistas lamentan o histórico desprezo do alcalde cara ás asociacións de comerciantes da cidade, ás que volve deixar de lado nunha iniciativa “que impacta de xeito directo os seus lexítimos intereses” e esixen que o goberno local lles devolva a voz, “de xeito que poida participar activamente na definición das políticas que lles concernen e afectan a través da Mesa Local de Comercio”.