O pleno de Ribadavia aproba por unanimidade a desafectación do antigo colexio da Alameda para a nova gardería.

Este proceso comezou fai 11 meses, cando foi aprobado inicialmente en decembro do 2020, sendo así solicitado desde o Concello.

O martes pasado, 9 de novembro, chegaba ao Concello de Ribadavia a autorización da Xunta para poder continuar coa desafectación, polo que se convocou un Pleno extraordinario para acadar este acordo, continuar co expediente e axilizar un proceso que foi ralentizado desde a Xunta de Galicia sen explicación algunha.

AVANTAR ACTIVIDADES

Agora, con este acordo Plenario, a Xunta debe axilizar todos os tramites que ata o de agora ralentizou para facer posible a nova gardería.

Recordamos que esta partida está vixente nos Orzamentos da Xunta de Galicia, polo que desde o Concello demandámoslle asinar o antes posible o Convenio de cofinanciamente, mantendo a partida Orzamentaria comprometida e anunciada no seu día para a nova escola infantil de Ribadavia, por un importe de 500.000 euros.

Recordamos que esta nova escola infantil- gardería foi un proxecto consensuado no seu día por parte de todos os grupos municipais do Pleno de Ribadavia. É unha necesidade básica para Ribadavia debido á alta demanda de matricula, dándose todos os anos listas de agarda de familias que se quedan fora por falta de prazas.

Co acordo unánime do Pleno de hoxe co apoio de todos os grupos, desde o Concello agardamos que sexa o impulso necesario para que este proxecto sexa unha realidade o antes posible.