Celebradas as xornadas de financiamento e de acceso a mercados exteriores organizadas pola Deputación

Nos foros de investimento presentáronse sete proxectos, traballando nestes momentos na súa posible financiación

A iniciativa, enmarcada no proxecto “Emprende Makers”, estivo dirixidas aos emprendedores de Galicia e norte de Portugal cunha idea ou proxecto empresarial vinculado a solucións tecnolóxicas, deseños de proxectos ou procesos innovadores asociados ao ámbito “maker”

AVANTAR ACTIVIDADES

Ourense, 12 de novembro de 2022.- A Deputación de Ourense organizou unhas xornadas de acceso a financiamento -Investor’s days- e de acceso a mercados exteriores. Estas actuacións enmárcanse no Proxecto “Emprende Makers”, cofinanciado ao 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do programa INTERREG V A España – Portugal (POCTEP) 2014-2020. Este proxecto, ademais da Deputación de Ourense, está integrado polo Concello de Ourense, Universidade de Vigo, Xunta de Galicia, Universidade do Minho, Município de Vila Nova de Famalicão, Município de Melgaço e Municipio de Paredes de Coura.  

As xornadas desenvolvéronse no Campus Universitario de Ourense entre os días 26 e 27 de outubro, así como entre os días 2 e 3 de novembro, con posibilidade de seguimento tanto presencial como “en liña”. En Internacionalización houbo unha presentación dos programas relevantes para internacionalización, como o programa “Erasmus Emprendedor”, e as experiencias de empresas internacionais por parte de recoñecidos expertos na materia.

Nos foros de Investimento presentáronse 7 proxectos, que xeraron unha resposta tan positiva nos investidores presentes, que solicitaron ampliar a información en base ás presentacións e dossieres que realizaron, e nestes momentos trabállase cos elixidos nun “Investor’s Deck” -documento que resume o problema ou aspecto que vén resolver o proxecto, modelo de negocio a seguir, e outras cuestións fundamentais- para satisfacer esa demanda, e así explorar as posibilidades de financiamento dos mesmos. 

A participación nas xornadas sumou máis de medio centenar de persoas e empresas implicadas nas mesmas, con perfís tan distintos como estudantes, emprendedores, empresarios, e público en xeral con interese na materia. A organización valora moi positivamente o resultado final, deixando a celebración unha sensación de satisfacción tanto a nivel de proxectos como de relatores, o que redunda na necesidade de seguir promocionando estes puntos de encontro entre profesionais para estimular os investimentos e a viabilidade de proxectos emprendedores na zona. 

Apoio e visibilidade a empresas e proxectos transfronteirizos

No mes de outubro, previo á celebración das xornadas, as persoas emprendedoras recibiron 20 horas de formación impartidas por profesionais do ámbito do financiamento e 16 horas de formación especializada en internacionalización. A formación realizouse en formato híbrido -en liña e presencial- para favorecer o seu seguimento por parte dos proxectos sen deixar de promover o necesario networking.

Cada proxecto contou con mentores que lles apoiarán no desenvolvemento do seu plan de internacionalización e o proceso de captación de financiamento. 

Esta iniciativa busca apoiar e dar visibilidade a empresas e proxectos innovadores de Ourense e do ámbito xeográfico transfronteirizo do Proxecto Emprende Makers que seguiron un itinerario formativo e de asesoramento personalizado en internacionalización e captación de financiamento que lles permite mellorar o seu posicionamento no mercado e consolidar novas ideas viables técnica e financeiramente.