O uso do Whatsapp e as redes sociais no ámbito laboral, obrigacións e controis empresariais

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

A última xornada deste ciclo de charlas sobre as relacións laborais no marco actual, virou en torno ao uso de Whatsapp e redes sociais no posto de traballo. Unha vez máis, os expertos de Vento Avogados e Asesores analizaron, desde un punto de vista práctico, as obrigacións da empresa contidas na Lei Orgánica de Protección de Datos e Garantía de Dereitos Dixitais en relación a este tema.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Marisol Nóvoa, presidenta da CEO, introduciu aos relatores e destacou ‘como a transformación tecnolóxica está a modificar non só o mercado laboral, senón tamén o acceso ao mesmo, e as persoas relacionadas con el: tanto as traballadoras como as desempregadas, alén das empresas’, feito que está na orixe deste ciclo de charlas, desenvoltas en colaboración coa consellería de Emprego e Igualdade.

Catarina Capeans e Elías Lloves, da área de Dereito Laboral de Vento Avogados e Asesores, foron os encargados hoxe de analizar de maneira práctica o uso de whatsapp e redes sociais no ámbito laboral e os controis empresariais, alén das obrigacións contidas na Lei Orgánica de Protección de Datos e Garantía de Dereitos Dixitais.

Os relatores abordaron o uso desta aplicación de mensaxería como medio de comunicación na empresa, establecendo os proles e contras do seu uso, os seus límites e a definición das regras de utilización para finalidades concretas, así como o proceder á hora de crear grupos de usuarios, a protección de datos e o dereito á desconexión dixital. Igualmente, analizaron o uso do whatsapp e redes sociais como medio de proba acompañando as explicacións de casos prácticos e sentenzas relacionadas coa temática. En canto á utilización das redes sociais en contornas laborais, explicaron como deben ser os procedementos internos e instrucións de uso, así como a protección da intimidade da persoa traballadora e a súa liberdade de expresión fronte á potestade de dirección da empresa.

O obxectivo destas charlas organizadas pola CEO é examinar o impacto e a implantación das novas tecnoloxías no ámbito laboral, alén do seu correcto uso e como incorporalas, ou cando é procedente ou non actuar por parte das empresas con respecto a estes usos. Deste xeito, cuestións como o teletraballo, a reforma laboral, a desconexión dixital ou a videovigilancia nos centros de traballo, a monitorización de computadores das persoas traballadoras e o uso dos datos obtidos mediante a instalación de GPS, alén da reforma laboral e os temas tratados hoxe, foron o completo abanico de temas neste ciclo de relatorios, froito do acordo entre a consellería de Emprego e Igualdade e as organizacións empresariais e sindicais para impulsar o diálogo social e os acordos desenvoltos no exercicio deste diálogo.