O PsdeG-Psoe de Punxín denuncia os recortes levados a cabo polo PP

O PSDEG-PSOE DE PUNXÍN DENUNCIA OS RECORTES LEVADOS A CABO POLO PARTIDO POPULAR E O CONCELLEIRO NON ADSCRITO NA ATENCIÓN Á VECIÑANZA POR PARTE DA TRABALLADORA SOCIAL

As socialistas critican que “nun momento en que todos os concellos están priorizando os servizos sociais, o grupo de goberno municipal de Punxín, non só non traballa para incrementalos, senón que os reduce”

AVANTAR ACTIVIDADES

Lorena Peleteiro afirma que “precisamos duns servizos sociais acordes aos tempos, e para elo é necesario que se reforcen servizos tan importantes como o da traballadora social ou a axuda no fogar”

O PSdeG-PSOE de Punxín denuncia que o Concello reduce o horario de atención á veciñanza da traballadora social, que pasará dos 3 días de traballo (luns, mércores e venres) que viña prestando ata o momento, a 2 (luns e venres). As socialistas critican que o goberno municipal, conformado polo PP e un concelleiro non adscrito, tome esta decisión nun momento “complicado” con problemas derivados pola pandemia da COVID-19 e nun concello cun alta taxa de envellecemento.

Dende o Grupo Municipal Socialista de Punxín afirman que “nun momento en que todos os concellos están priorizando os servizos sociais, o grupo de goberno municipal de Punxín, non só non traballa para incrementalos, senón que procede á redución da atención á veciñanza, cos problemas que elo supón”. Para as concelleiras socialistas esta decisión do alcalde do PP e o seu equipo “é un ataque directo contra os servizos públicos no municipio” e demostra que o goberno local “non está pola labor de facerlle o día a día máis accesible á veciñanza cuns servizos municipais dignos, eficientes e que cumpran coas necesidades”.

Para a voceira do PSdeG-PSOE en Punxín, Lorena Peleteiro, esta “é unha nova mostra da pésima xestión do goberno bipartito do noso municipio e que non fai máis que demostrar que a nosa veciñanza non lle importa absolutamente nada”. A edil socialista fai fincapé en que “Punxín precisa duns servizos sociais acordes aos tempos que corren, e para elo é necesario que se reforcen servizos tan importantes como o da traballadora social ou a axuda no fogar”.

Peleteiro tamén amosa o seu “profundo malestar” por esta decisión que considera “totalmente errónea e fóra de lugar” e pídelle ao goberno municipal “que asuma a súa responsabilidade de apoiar e estar a carón da veciñanza ou que se aparte e deixe que outras forzas políticas asuman o compromiso e a responsabilidade de loitar por Punxín e as súas xentes”.

Dende o PSdeG-PSOE critican a constante política de “destrución” do PP e o concelleiro non adscrito que segundo sinalan “están levando o noso concello a destrución e a ruína”. Esta decisión de reducir a atención á veciñanza da traballadora social, súmase ao voto en contra do equipo de goberno a unha moción socialista no pleno do pasado mes de novembro na que pedían que se mellorase, canto antes, as condicións salariais das auxiliares do servizo de axuda no fogar. As socialistas finalizan afirmando que estas decisións “non fan máis que demostrar o que vimos denunciando dende fai tempo, que é que a este goberno non lle interesan para nada os problemas da veciñanza e que as súas políticas son as do bloqueo e os recortes ao desenvolvemento do noso municipio”.