A área de migracións do PsdeG-Psoe de Ourense informa ao colectivo de emigrantes retornados de que as débedas tributarias en alemaña prescriben aos sete anos

Nos últimos días están a recibir consultas de emigrantes retornados do pais xermano que foron requiridos pola facenda alemá ao pago do chamado imposto do 5% sobre as pensións que se perciben deste país

Luís Gulín, afirma que “a problemática reside en que algúns teñen que abonar, de forma especial, os anos fiscais 2016-2017” e segundo manifesta “á hora de solicitar a devolución dese período fiscal por dobre imposición, Facenda de España alega que non procede”

AVANTAR ACTIVIDADES

Ourense, 19 de novembro de 2022. O PSdeG-PSOE de Ourense, a través da súa secretaría provincial de migracións, informa de que as débedas tributarias prescriben aos 7 anos en Alemaña. Os e as socialistas explican que nos últimos días están a recibir consultas de emigrantes retornados do pais xermano que foron requiridos pola facenda alemá ao pago do chamado imposto do 5% sobre as pensións que se perciben deste país.

Segundo apuntan dende a área de migracións do PSOE ourensán “varios retornados recibiron cartas de Alemaña instando a abonar o imposto correspondente polo período 2016-2021, coa opción de pagar a elevada carga tributaria a catro prazos, sendo o imposto para abonar nalgúns casos superior aos 5.000 euros”. O secretario provincial de migracións da executiva provincial socialista, Luís Gulín, afirma que “a problemática reside en que algúns teñen que abonar, de forma especial, os anos fiscais 2016-2017” e segundo manifesta “á hora de solicitar a devolución dese período fiscal por dobre imposición, Facenda de España alega que non procede ao estar xa prescrito o tempo de rectificación, sendo só posible desde o 2018 en diante”.

A disparidade na lexislación tributaria entre España e Alemaña reside nos diferentes prazos de prescrición (España 4 anos e Alemaña 7 anos) e nos períodos da declaración da renda. En Alemaña, finalizou o 31 de outubro deste ano o prazo para o ano fiscal 2021 se se presenta persoalmente ante Facenda. En caso de recorrer a un asesor fiscal (Steuerberater) ou ás populares asociacións de axuda e defensa do contribuínte (Lohnsteuerhilfeverein), a declaración da renda 2021 ten prazo mesmo ata o 31 de agosto de 2023.

Desde a área de migracións do PSdeG-PSOE de Ourense veñen insistindo nos últimos anos, a través as diversas sesións informativas realizadas por toda a provincia, na “obrigatoriedade de darse de alta na Axencia Tributaria alemá se se cobra unha pensión por primeira vez desde o 1 de xaneiro de 2015”. “Atopámonos moitas veces con retornados que manifestaban percibir pensións desde o ano 2015 e non ter ningunha reclamación ata a data da Facenda de Alemaña”, manifesta o secretario provincial de Migracións, Luís Gulin. 

“Ao analizar os ingresos correspondentes, bastantes con dúas ou tres pensións, advertimos do risco que corrían e informóuselles como é o camiño para darse de alta ante a facenda teutoa para evitar problemas no futuro”, subliña Gulín que tamén apunta que “explicóuselles o trámite para solicitar posteriormente á Facenda española a devolución deses impostos pagos a Alemaña”. Desde a área de migracións dos e das socialistas ourensás ofrécese a posibilidade de informar como tramitar o alta ante Alemaña, se procede segundo os ingresos, ou calquera outra dúbida sobre o tema, solicitando cita previa no teléfono   988 37 03 86.