O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, e o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, visitaron esta mañá en Ribadavia a Feira Galega de Artesáns que arrancou onte e se prolongará deica mañá, enmarcada na colaboración autonómica coa Asociación Galega de Artesáns (AGA) e que se celebra cando a 63ª Feira do Viño do Ribeiro. En compañía do director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e do alcalde ribadaviense, César Fernández, González celebrou a simbiose entre mostra artesanal e vitivinícola para dar pulo a dous eidos estratéxicos tanto de Ribadavia como da súa comarca. Destacou a presenza de 16 expositores de Artesanía de Galicia das catro provincias, así como os obradoiros, cursos e a tenda efémera impulsada pola Xunta ao abeiro do proxecto de dinamización Vilas Vivas que arrancou nesta contorna de xeito piloto.
En concreto, a feira impulsada por AGA co apoio da Fundación Artesanía de Galicia desprega na Praza Maior de Ribadavia os postos dos obradoiros Troula Instrumentos (Ribadavia), de instrumentos de percusión; Moura (Maceda), de traxes tradicionais; Enxógate (Quiroga), de xoguetes; María Monsalve (Monterroso) e El Taller muy secreto (A Coruña), ambos de bonequería; Roberto Buchanan (Poio), de xoiaría; Zimzelatum (Gondomar), de ourivaría e metalistaría; Jorge Eiroa (Culleredo), de forxa; Ana Belén Jarrín (Oia), de arranxos florais; Liño e Lá (Gondomar), de complementos téxtiles; Hana No Boshi (Pontedeume), de sombreirería; Montse Betanzos (O Grove) e Silvereira (Ames), ambos de bixutaría; e Marearte (Lalín), Vacatola (Ferrol) e Dona Formiguinha (A Estrada), todos eles de marroquinaría.
Mentres, na Praza de San Xoán, a Xunta impulsa talleres gratuítos para público adulto e infantil impartidos polos artesáns María José Martínez e Jose Carrera, do obradoiro Peixesapop (Vigo). En paralelo, na Casa da Artesanía de Galicia organízanse cursos de formación para adultos impartidos por Madejas Tejerlo (Ribadavia) e, na mesma rúa Banda A Lira pero no número 1, ten lugar unha tenda efémera de tres obradoiros de Artesanía de Galicia: Coiro Tres Pés (Pontevedra), especializado en coiro e gañador do Premio Artesanía de Galicia 2025 por unha peza colaborativa co ceramista Alberto Lista; Pal.lium (Cangas), especializado en tecido manual; e a ceramista Susana Anta (A Coruña).
Vilas Vivas
O conselleiro de Emprego enmarcou o evento efémero no proxecto de dinamización Vilas Vivas, que arrancou como piloto en Ribadavia co fin de recuperar o comercio de cascos históricos singulares, con potencial turístico e cunha produción local senlleira como motor económico a través da rehabilitación de baixos en desuso e da súa posta a disposición de comerciantes e artesáns. Nestes momentos, séguese avanzando na reforma dos locais para ilos abrindo ao público e acadar 15 establecementos distribuídos por rúas e prazas do casco histórico .
Entre os que xa funcionan atópase a Casa da Artesanía de Galicia, un espazo permanente para poñer en valor os oficios e a comercialización de produtos artesanais, reforzando o sector como piar da contorna. Unhas instalacións que, segundo González, se integran á perfección na oferta da feira de AGA que rematará mañá, sumándose ás que xa tiveron lugar en Ferrol, Padrón e San Sadurniño. Do total de 12 previstas co apoio da Xunta, celebraranse este mes de maio as de Oroso (9 e 10 de maio, coincidindo coa Festa da Troita de Sigüeiro), e A Estrada (17 de maio, pola Festa do Salmón). Hai confirmadas tamén xa en Ribadeo, Foz, Ribeira e Ponteareas.
Compromiso coa artesanía
O conselleiro reafirmou a artesanía como sector prioritario para a Xunta, por ser fonte de emprego e de emprendemento ligado ao territorio. A través da Fundación Artesanía de Galicia e da marca Artesanía de Galicia e no marco do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, referiuse a programas como Aprender da tradición, que incide na formación en oficios tradicionais para incorporar novos talentos e mellorar a capacitación dos profesionais; Artesanía na escola, co foco na concienciación das novas xeracións; ou a nova liña de apoios para a formación de aprendices en oficios artesanais, que estará dotada neste 2026 con 1 M€. A maiores, sinalou que se seguirán consolidando iniciativas como Artesanía no prato, que potencia a simbiose entre artesanía e gastronomía.

















