O mellor fútbol sala feminino regresa a Cartelle, co apoio da Deputación, no II Torneo Internacional Ourensanía

Na presentación do evento, Manuel Baltar expresou a súa satisfacción pola cooperación entre a Deputación e a Xunta, “compañeiros de viaxe nunha cita que sitúa á provincia como un territorio perfectamente apto para o deporte de alto nivel”

O alcalde, Jaime Sousa, cualificou este torneo como “un dos trofeos máis importantes de Europa, que se celebra no pobo do fútbol sala feminino”

AVANTAR ACTIVIDADES

Os días 3 e 4 de setembro, no pavillón de deportes Piño Vilachá de Outomuro, daranse cita catro equipos: Cidade das Burgas; MSC Torreblanca de Melilla; CD Burela; e o campión italiano Cittá di Falconara

Ourense, 25 de agosto de 2022.- Catro equipos de fútbol sala feminino procedentes de Galicia, Melilla e Italia participarán no II Torneo Internacional Ourensanía-Concello de Cartelle, que se disputará os días 3 e 4 de setembro no pavillón de deportes Piño Vilachá de Outomuro. A competición foi presentada esta mañá no Pazo Provincial polo presidente da Deputación, Manuel Baltar; acompañado polo alcalde, Jaime Sousa; o coordinador de deporte escolar da Xunta de Galicia en Ourense, Carlos Bericat; e mailo organizador do torneo, José Ángel Baliñas.

Manuel Baltar puxo en valor a consolidación deste evento “grazas á capacidade de proposta”  do Concello e do seu alcalde, “convertendo de novo a Cartelle na capital do fútbol sala feminino”. Baltar expresou a súa satisfacción pola cooperación entre a Deputación e a Xunta de Galicia, “compañeiros de viaxe nunha cita que sitúa á provincia  como un territorio perfectamente apto para o deporte de alto nivel, dentro dese ecosistema deportivo polo que apostamos”.

Jaime Sousa, agradecido por contar co apoio da Deputación e da Xunta, cualificou este torneo como “un dos trofeos máis importantes de Europa, que se celebra, tal e como di un cartel á entrada de Cartelle, no pobo do fútbol sala feminino”.  Para Carlos Bericat, competicións destas características contarán sempre co apoio da Xunta, “xa que axudan á promoción do deporte feminino e xeran unha base importante para manter equipos de gran nivel”. 

“Un cartel de auténtico luxo”, valorou José Ángel Baliñas á hora de detallar os equipos participantes neste torneo: Cidade das Burgas; MSC Torreblanca F.S. de Melilla; CD Burela; e o campión italiano Cittá di Falconara.