Manuel Cabezas: “A maioría absoluta de maio de 2023 será o primeiro paso da segunda gran transformación de Ourense”

  • Un millar de persoas asistiu esta tarde no Campo da Feira ao Magosto Popular, que contou coa presenza do presidente provincial do PP de Ourense, Manuel Baltar, a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e o candidato á Alcaldía da cidade
  • “Poñerei todo o meu esforzo e coñecemento de Ourense para, xunto ao meu equipo e o voso apoio, impulsar a cidade cara a o futuro”, remarcou Manuel Cabezas
  • Manuel Baltar definiu a Manuel Cabezas como “o mellor alcalde da historia de Ourense, que agora regresa á vida pública para liderar o proxecto que transforme esta cidade e que, a través de ferramentas coma a chegada da Alta Velocidade, converta a Ourense nun referente de vangarda como xa o foi durante os seus tres mandatos”
  • “Son maioría os ourensáns que queren recuperar o orgullo colectivo de vivir na súa cidade e somos maioría os que cremos que non hai mellor persoa que Manuel Cabezas para recuperar ese orgullo de ser ourensán”, subliña a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado

18, novembro, 2022. O presidente provincial do PP de Ourense, Manuel Baltar, e a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, arrouparon ao candidato do PPdeG á Alcaldía de Ourense, Manuel Cabezas, no Magosto Popular celebrado esta tarde no Campo da Feira da cidade, e que contou coa asistencia dun millar de persoas.

“Con toda a humildade, poño a miña experiencia ao servizo da miña cidade para lograr a segunda gran transformación de Ourense”, remarcou Manuel Cabezas nunha intervención na que avanzou un novo modelo de cidade, que actualice os fitos conseguidos nos 12 anos nos que gobernou a capital. Fitos resumidos nun vídeo proxectado durante o acto e construído arredor do legado da súa etapa de goberno, con pezas como a Ponte do Milenio, a recuperación das beiras do Miño e o Casco Vello, as infraestruturas termais, a construción do Conservatorio de Música ou o impulso a todo o complexo cultural de San Francisco.

AVANTAR ACTIVIDADES

“Imos volver a ese camiño de progreso que acadamos entre 1995 e 2007”, destacou Cabezas, “a través de proxectos estratéxicos, fitos para o territorio e con visibilidade, impulsando iniciativas que teñan en conta os nosos recursos endóxenos; con proxectos de infraestruturas básicas e con esas pequenas cousas que os veciños tanto valoran e tanto precisan”.

Na liña de recuperar Ourense para os seus veciños, Manuel Cabezas prantexou a “absoluta necesidade” de devolver a Ourense á lealdade institucional, ao diálogo e ao respecto para avanzar na “recuperación do orgullo de ser ourensán. Porque entre todos imos dar a esta cidade o que esta cidade merece”.

Manuel Cabezas: “Necesitamos unha maioría absoluta para volver a transformar Ourense”

O líder dos populares da cidade e candidato á Alcaldía lembrou ao millar de asistentes ao Magosto Popular a importancia de acadar unha maioría absoluta nas vindeiras eleccións municipais: “A maioría absoluta é absolutamente necesaria para ver o futuro con optimismo e volver a transformar a Ourense a partir de maio de 2023. É un obxectivo posible, como o demostran esas tres maiorías absolutas acadadas entre 1995 e 2007 que nos permitiron situar a Ourense á vangarda das cidades galegas. E o voltaremos a facer”.

A maioría absoluta será, explica Manuel Cabezas, a primeira peza desta nova etapa para Ourense: “Despois duns anos nas que esta marabillosa cidade sufriu unha involución, poñerei todo o meu esforzo e coñecemento de Ourense para, xunto ao meu equipo e o voso apoio, impulsar a Ourense cara a o futuro”.

Manuel Baltar: “É a persoa indicada para rendibilizar todas as potencialidades de Ourense cun proxecto tan innovador como ilusionante”

O presidente provincial do PP de Ourense definiu a Manuel Cabezas como “o mellor alcalde da historia de Ourense, que agora regresa á vida pública para liderar o proxecto que transforme esta cidade e que, a través de ferramentas coma a chegada da Alta Velocidade, convirta a Ourense nun referente de vangarda como xa o foi durante os seus tres anteriores mandatos”.

Manuel Baltar resaltou o coñecemento e experiencia de Manuel Cabezas, “un home capaz de impulsar a Ourense a niveis de progreso sen parangón na súa historia. Ninguén dubida que el é a persoa indicada para rendibilizar todas as potencialidades da cidade de Ourense cun proxecto tan innovador como ilusionante”.

O presidente provincial do PPdeOU resaltou a “máxima implicación” de todo o partido para axudar a Manuel Cabezas a acadar “esa gran maioría absoluta que Ourense necesita para comezar a construír a segunda gran transformación da cidade”.

Paula Prado: “A candidatura de Manuel Cabezas é un balón de osíxeno para esa maioría de ourensáns que levan anos sentíndose orfos dun liderado sólido”

Na súa intervención, a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, asegurou que o proxecto do Partido Popular para Ourense demostrará aos seus veciños que “é posible unha alternativa e un goberno mellor fronte aos populismos e as ocorrencias demagóxicas que só acaban derivando na parálise”. Neste sentido, definiu a candidatura de Manuel Cabezas á alcaldía de Ourense como “un balón de osíxeno para esa maioría de ourensáns que levan anos sentíndose orfos dun liderado sólido”.

Referíndose á seriedade e a capacidade de xestión do candidato popular, a secretaria xeral reivindicou que os seus 12 anos na alcaldía e as súas 3 maiorías absoluta “acredítano como o mellor alcalde da cidade e chegou o momento de volver demostralo”. “Son maioría os ourensáns que queren recuperar o orgullo colectivo de vivir na súa cidade e somos maioría os que cremos que non hai mellor persoa que Manuel Cabezas para recuperar ese orgullo de ser ourensán”, engadiu.

Para concluír, Paula Prado mostrouse convencida de que Ourense será “clave para tinguir de azul Galicia o próximo 28 de maio, para que Alfonso Rueda acade a quinta maioría absoluta do PPdeG e para facer que un ourensán de pro como é Alberto Núñez Feijóo se converta no próximo presidente España”.