A Xunta significa o valor das mesas locais contra a violencia de xénero como un espazo para a mellora continua de resposta ás vítimas

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén e a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participaron hoxe na xuntanza da Mesa local de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero, onde puxo en valor a relevancia destes órganos e a cooperación entre diversos axentes para dar “a mellor resposta” ás persoas en situación de violencia.

O delegado territorial significou que estes encontros pretenden dar a coñecer os principais resultados da Diagnose sobre a situación da mesas locais, xerar un espazo de intercambio e coñecementos sobre boas prácticas de iniciativas de mesas e, a súa vez, recoller novas accións de intervención.

AVANTAR ACTIVIDADES

Pola súa banda, López Abella lembrou o importante papel que as mesas asumen para amplificar o coñecemento dos recursos dos que dispoñen as vítimas e dar a coñecer o protocolo galego de coordinación e cooperación institucional fronte á violencia de xénero, deseñado en 2018 no marco do Observatorio autonómico contra a violencia de xénero. Este “documento vivo”, lembrou, “establece os criterios da intervención institucional para a prevención, atención e protección das mulleres e menores que sofren violencia de xénero, e para garantir unha actuación integral, áxil e coordinada”.

No marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, especificou a secretaria xeral, Galicia, que leva una dianteira de polo menos 4 anos, está a colaborar cun documento de características semellantes co resto das comunidades autónomas.

A secretaria xeral lembrou que o Goberno autonómico ten a dispor das persoas interesadas material divulgativo para o seguimento do protocolo e organiza formacións, en colaboración co tecido asociativo, entidades locais e colexios profesionais para a súa posta en práctica e coñecemento.

Como aspectos concretos, o protocolo incide na necesidade de visibilizar ás e ós menores como vítimas da violencia de xénero establecendo recursos específicos e de intervención ao respecto. Tamén recada a valoración das mulleres vítimas que accederon a recursos existentes, artellando un sistema de queixa e/ou suxestión que preserva o seu anonimato.

Entre outras medidas, trátase de desenvolver programas de formación continuada en igualdade, así como de dotar dun servizo de acompañamento emocional, intervir coas familias e fomentar o traballo en rede.