A opinión de Cristina Martínez Penas: “A mirada fotográfica como conservación fronte o esquecemento”

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Cristina Martínez Penas é alumna de 4º curso do Grao de Comunicación Audiovisual, na Facultade de Comunicación da Universidade de Vigo.

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

No mes da celebración do Día Das Letras Galegas, nun acto organizado pola Fundación Carlos Velo, presentábase o xoves 21 de maio na Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela  (USC) o libro O final dos cines en Galicia de José Luis Cabo Villaverde. No evento participaban o xornalista Xosé Enrique Acuña, editor do libro, os profesores da USC Xosé Nogueira Otero, especialista en Historia do Cinema e Outras Artes Audiovisuais, e o catedrático de Historia da Arte Jesús Ángel Sánchez García. Presentaba e moderaba a mesa redonda a profesora titular de cinematografía Anna Amorós Pons da Facultade de Comunicación da Universidade de Vigo (UVIGO).

José Luis Cabo Villaverde foi fotógrafo, historiador de fotografía e investigador do cinema, formándose en Madrid ante a escaseza de posibilidades académicas nestes ámbitos en Galicia. A súa traxectoria profesional iniciouse coa creación do Arquivo de Imaxe de Galicia e continuou coa súa colaboración na organización das Xornadas de Cine e Vídeo de Galicia (XOCIVIGA). O seu labor resultou fundamental na recuperación e conservación da memoria audiovisual galega, ademais da publicación de numerosos artigos centrados na imaxe e no patrimonio cultural. A súa vinculación co departamento de fotografía e documentación do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI), do que chegaría a ser director, reforzou o seu interese polo patrimonio arquitectónico e cinematográfico que o levou a participar, xunto a Xosé Enrique Acuña,  na catalogación dos cinematógrafos galegos.

Durante toda a súa traxectoria mantivo unha grande paixón pola fotografía, desenvolvendo a súa creatividade a través da documentación de espazos da Galicia de finais do século XX, como as primeiras macrodiscotecas, os palcos da música ou a estética das gasoliñeiras. Estes primeiros traballos permitíronlle construír unha identidade visual propia, afastada do branco e negro moi habitual entre os fotógrafos daquel tempo e cun especial interese pola intensidade cromática que descubriu nos copiados en cibachrome, que o impactaron. Esta maneira de entender a fotografía, cunha especial atención aos detalles arquitectónicos dos espazos, marcaría tamén o retrato dos vellos cinemas galegos, capturados cando moitos se atopaban inmersos no abandono ou próximos á súa desaparición. Un traballo iniciado en 1983, que o levou a percorrer Galicia e  que quedaría finalmente recollido no libro O final dos cines en Galicia.

O autor, pioneiro na temática escollida, logrou preservar a memoria do que significaba ese tipo de establecementos, onde as persoas se reunían para desfrutar do audiovisual. Baixo a influencia da fotografía contemporánea internacional (como Weegee, Robert Frank ou, esencialmente, Walker Evans), Cabo documentou un gran número de cinemas.  É evidente, por numerosos motivos, que non conseguiu evitar a demolición da maioría, sen embargo, nalgúns casos o seu labor contribuíu á súa conservación ou a que se mantivesen en pé. O obxectivo de Cabo non era mostrar a beleza dos edificios, senón o seu deterioro para evidenciar o paso do tempo e o abandono. Buscaba xerar sensibilidade social para evitar a súa desaparición.

O profesor Xosé Nogueira, na súa intervención lembrou a súa figura cun achegamento ás súas diferentes facetas nas que deixou a súa fonda pegada “como investigador e historiador da fotografía (e fotógrafo), dos espectáculos precinematográficos e da salas de cinema (que rexistrou coa súa cámara), da súa labor no CGAI (actual Filmoteca de Galicia), impulsando unha importante labor de recuperación, catalogación e edición”. Pero sobre todo, evocou a súa inesquecible dimensión humana, que deixou unha impronta inesquecible en todos aqueles que o coñeceron e trataron.

O libro narra cunha selección dunhas 400 imaxes o ocaso dos cines en Galicia. Neste sentido Jesús Ángel Sánchez García, especialista en temas de patrimonio cultural e asesor histórico na edición do libro, afirmaba que “os centos de salas espalladas no século XX por toda a xeografía de Galicia, desde as cidades ás vilas e lugares, foron a parte material e máis visible do ritual de ir ó cine. Nos anos críticos de competencia da TV e do vídeo doméstico, as imaxes capturadas por José Luis Cabo chegaron a fixar os últimos tempos dunha forma de ocio e sociabilidade que as súas fotografías axudan a manter viva na memoria. Coa desaparición da meirande parte daqueles vellos cines, o que pervive son xa restos dun patrimonio material e inmaterial do século XX”.

Pola súa parte o editor da publicación, o escritor Xosé Enrique Acuña, recoñecía con estas palabras que “este libro é toda unha homenaxe ao cine, unha clara reverencia a todos aqueles edificios en que se proxectou cine en Galicia; pero tamén é un tributo a un home que, desde a paixón pola fotografía, soubo mesturar a súa capacidade de creación co inventariado dese mundo arquitectónico que se construía para gozar na escuridade vendo miles e miles de películas”.

O labor de Cabo permitiu manter viva na memoria histórica o pasado de centos de cinemas que percorreu ao longo da súa viaxe por Galicia, convertendo a súa mirada fotográfica nun exercicio de conservación fronte ao esquecemento. A través das súas imaxes, os espazos xa desaparecidos permanecen dalgún xeito suspendidos no tempo. Deste xeito, a fotografía convértese nun instrumento de resistencia, capaz de conservar na memoria o que o paso do tempo foi facendo desaparecer.

No coloquio, os asistentes mostraron un gran interese por manter a presenza destes cines, dos que aínda quedan pola xeografía galega, e da súa conservación. O acto  contou coa presenza tamén do vicepresidente da Fundación Carlos Velo, o escritor Miguelanxo Fernández, e de docentes da USC como Miguel Cabo, catedrático de Historia contemporánea e irmán de José.

Pechaba a sesión a profesora Anna Amorós destacando a singularidade deste libro no panorama do Estado español, lembrando a figura do excelente investigador e a boa persoa… merecedor desta homenaxe académica in memoriam José Luis Cabo Villaverde.

Máis información:

Xornal-USC (Diario Oficial da Universidade de Santiago de Compostela):

https://www.usc.gal/gl/xornal/eventos/presentacion-libro-cines-galicia-legado-fotografico-jose-luis-cabo-villaverde


Outros artigos de Cristina Martínez Penas:

A opinión de Cristina Martínez Penas: “Visibilidade do 8M: a loita pola Igualdade de Xénero”

A opinión de Cristina Martínez Penas: “A mirada simbólica de Lola”

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------