Recepción ós participantes nas XXXVII Xornadas de Folclore: “Grazas por acercar as vosas culturas e converteros en embaixadores globais de Ourense”

IES CHAMOSO LAMAS

Unha delegación dos seis grupos -procedentes de Chile, Colombia, Costa de Marfil, México, Indonesia e Timor Oriental- foi recibida este mediodía no Salón de Plenos do Pazo Provincial polo vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández

Ourense, 11 de agosto de 2022.- O vicepresidente segundo da Deputación de Ourense, César Fernández, recibiu este mediodía no Salón de Plenos do Pazo Provincial a representantes das seis agrupacións culturais participantes nas XXXVII Xornadas de Folclore, evento organizado pola Deputación de Ourense e o Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo co patrocinio da Xunta de Galicia.

O CAMPO DA FEIRA NON SE PECHA

César Fernández, o director artístico do festival, Xulio Fernández, e o asesor de Cultura da Deputación, Aurelio Gómez Villar, entregaron a unha delegación dos grupos procedentes de Chile, Colombia, Costa de Marfil, Indonesia, México e Timor Oriental un diploma acreditativo da súa participación no festival e un agasallo representativo da provincia.

O vicepresidente segundo da Deputación destacou na súa intervención que os participantes desta edición “forman parte dunha actividade consolidada, unha das máis esperadas dunha provincia de raíces emigrantes e que, quizais por iso, ten unha especial sensibilidade cara outras culturas”.   

César Fernández mostrou a satisfacción da institución por manter este encontro, desexándolles “que gocedes do territorio, das vilas, das termas e do patrimonio. Grazas por acercar as vosas culturas e por converteros en embaixadores globais de Ourense, porque seguro que falarades as vosas familias e amigos das experiencias que estades a vivir aquí”. 

Nesta recepción oficial, pechada coa tradicional fotografía oficial, participou o Grupo Folclórico dos Académicos Timorenses de Coimbra, que na xornada de onte realizaron o seu debut nestas xornadas en Celanova. Este grupo, nado no ano 2001 e conformado por estudantes da Universidade de Coimbra procedentes de Timor, ten como finalidade principal a preservación, transmisión e difusión das costumes e tradicións do país asiático.

A xornada de hoxe continuará á noite coas actuacións dos grupos de Timor Oriental, Colombia e México ás 22,30 horas na Praza das Toldas de Maceda e, a mesma hora, o Campo da Barreira de Allariz acollerá ós grupos de Costa de Marfil, Indonesia e Chile.