Medio Ambiente investirá case 35.000 euros en urbanizar a contorna da Casa do Maior en Vide, no Concello de Castrelo de Miño

O acordo enmárcase no Plan Hurbe, un programa de apoio ás entidades locais para a creación ou mellora de equipamentos públicos que na última década permitiu levar a cabo 317 actuacións urbanísticas en máis de 100 municipios

A Xunta de Galicia achegará preto de 35.000 euros para executar as obras de urbanización da contorna da vivenda comunitaria e da Casa do Maior localizadas no núcleo de Vide, no Concello de Castrelo de Miño (Ourense). Así consta no convenio asinado esta tarde entre a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o rexedor ourensán Avelino Pazos co fin de fixar os termos da súa colaboración técnica e económica nesta actuación.

AVANTAR ACTIVIDADES

O proxecto, cun custo estimado de preto de 50.000 euros a cofinanciar entre a Xunta e o Concello nun 70% e nun 30%, respectivamente, enmárcase no chamado Plan Hurbe, un programa a través do cal a Xunta leva máis dunha década colaborando coas entidades locais na execución de diferentes tipos de proxectos urbanísticos co obxectivo común de crear, mellorar ou humanizar equipamentos de uso público e colectivo.

Así, desde a súa posta en marcha no ano 2010, o Goberno autonómico executou ou ten comprometidas un total de 317 actuacións urbanísticas en máis dun cento de concellos, mobilizando con elas un investimento de case 150 millóns de euros.

No caso de Castrelo do Miño, o obxectivo da actuación á que se refire o convenio asinado hoxe é levar a cabo unha serie de obras para urbanizar a parcela na que se atopan o centro de día e a vivenda comunitaria do núcleo de poboación de Vide. Grazas aos traballos previstos, facilitarase o tránsito de vehículos e peóns, suprimiranse as actuais barreiras arquitectónicas mediante un acceso axeitado a estas instalacións, pecharase perimetralmente a parcela e axardinarase e dotarase de mobiliario público o recinto.

Neste sentido, a actuación encaixa nos obxectivos do Plan Hurbe xa que busca acadar unha mellora dos espazos públicos comúns a disposición tanto dos veciños como dos propios usuarios destas instalacións, que se incorporarán ao patrimonio público municipal.

En definitiva, preténdese lograr a humanización do lugar mediante a execución de percorridos peonís no perímetro de ambas edificacións, área de aparcamento e acceso rodado de vehículos, a instalación dunha varanda de protección na rampla que dá acceso á vivenda comunitaria e a creación de espazos de relación con mobiliario integrado na contorna e zona arborada.

Tras a sinatura do convenio, Ángeles Vázquez subliñou o compromiso do seu departamento nos últimos anos para apoiar técnica e economicamente aos concellos á hora de promover actuacións que, como a comprometida hoxe en Castrelo de Miño, contribúan a humanizar e dinamizar as vilas galegas.

Neste sentido, cómpre lembrar que nos orzamentos da Consellería de Medio Ambiente para este ano hai reservados máis de 7,4 millóns de euros para actuacións en colaboración cos concellos destinadas tanto a crear ou mellorar equipamentos municipais, como a acadar a humanización e posta en valor das contornas urbanas.

Así, unha parte destes fondos destinarase a financiar proxectos a través da sinatura de convenios no marco do Plan Hurbe, e a outra, á convocatoria dunha orde de axudas para crear ou mellorar as infraestruturas en concellos con menos de 20.000 habitantes. Esta liña de subvencións, de feito, saíu hoxe publicada no Diario Oficial de Galicia e está dotada con 2,3 millóns de euros a repartir entre as anualidades 2021 e 2022.
 

PUBLICIDADE