Nota Informativa do BNG de Ribadavia

ESTASE A PERPETRAR UN NOVO CATASTRAZO EN RIBADAVIA

Estes días estase a producir no noso concello un envío masivo de revisións de valores das propiedades inmobiliarias ubicadas nas distintas poboacións do concello de Ribadavia por parte do Catastro. Neste exemplo ADXUNTO, adxudícase un valor dobre á mesma propiedade respecto de 2015.

Non atopamos ningunha xustificación, e detrás vai vir unha suba abusiva para os contribuíntes (na súa maior parte persoas pensionistas do medio rural), correspondente ao Imposto de Bens Inmobles (IBI), do cal en Ribadavia xa se paga un millón de euros cada ano.

Publicidade Premer na Imaxe

De feito, o catastrazo de 2015 xa repercutiu nunha suba desmesurada do IBI. Así, o padrón do IBI urbano do concello de Ribadavia (cada contribuínte paga un 0´6% do valor catastral da súa vivenda no recibo anual) ascendía en 2014 a 667.000€ e na pasada Xunta de Goberno Local do concello de Ribadavia do pasado 6 de xullo de 2020, o padrón para este ano ascende a 1.016.000€. No que respecta ao IBI de bens rústicos pasouse de 440€ en 2014 a 3.168€ para 2020.

Hai toda unha serie de dúbidas que iremos aclarando pero pinta que se quere espremer de novo aos contribuíntes máis vulnerables:

Por que unha revisión en 2020 se a anterior foi en 2015 e non houbo practicamente actividade de construción?

Como se xustifica unha duplicación do valor catastral en cinco anos? Acaso se produciu dita suba de valor no mercado?

Tíñase coñecemento no goberno municipal de que se ía producir esta revisión catastral? Nese caso, por que non se deu conta ao resto dos membros da corporación municipal, empezando por este grupo municipal do BNG? Cal é a opinión do alcalde?