O Psedg de Cenlle denuncia que o PP deixa sen auga pública unha casa en Nazara

O PSdeG-PSOE de Cenlle denuncia que o grupo de goberno do Partido Popular, encabezado polo alcalde, José Manuel Rodríguez Lamas, deixa sen auga pública a casa dun veciño do núcleo de poboación de Nazara, ao non ter en conta no proxecto para a construción dun novo punto de captación e abastecemento de auga a presencia desta casa. Os e as socialistas amósanse “moi críticos” co que consideran unha “grave neglixencia” e acusan ao alcalde de “non coñecer o seu propio municipio”.

Dende o Grupo Municipal Socialista explican que no pleno de onte lle preguntaron ao alcalde cales eran os motivos polos que esta casa quedase fora da nova rede de captación. Para sorpresa e asombro dos e das socialistas, o rexedor respondeu que “descoñecía a presencia desta casa nesta zona do núcleo de Nafara”. Unha circunstancia que para os e as socialistas “vén a demostrar que o rexedor é alleo as circunstancias, problemas e realidades que vive a veciñanza de Cenlle”.

AVANTAR ACTIVIDADES

Os e as socialistas creen que esta decisión do rexedor está motivada por “represalias”, xa que o veciño en cuestión “é un histórico concelleiro do PSdeG-PSOE de Cenlle”, e segundo explican “xa denunciou no seu día ao consistorio, despois de que lle construísen unha fosa séptica ás portas da casa”. Un xuízo que o veciño gañou e que obrigou ao Concello de Cenlle a retirar a fosa séptica, motivo polo que entendemos que “o alcalde sabe de sobra que nesa zona hai unha vivenda e que o feito de non tela en conta na captación, só demostra que se intenta represaliar a este veciño pola súa denuncia no seu momento”.

Para o voceiro do PSdeG-PSOE de Cenlle, José Rodríguez Veloso, esta forma de actuar do rexedor con respecto a este veciño do municipio “non é nova”, xa que tal e como apunta “cando se realizaron as obras de instalación da rede de sumidoiros en Nafra, este veciño tamén quedou sen conexión, causándolle un grave prexuízo”. O edil socialista cualifica estas decisións e discriminacións como unha “cacicada” e esíxelle ao goberno municipal que “proceda a solucionar tanto o problema da conexión ao abastecemento de auga, como a da rede de sumidoiros, na maior brevidade posible”.

Rodríguez Veloso tamén destaca que a resposta do rexedor no pleno municipal “non o deixa en bo lugar”, xa que segundo relata “pon de manifesto o pouco que o alcalde coñece o noso concello” e preguntase se “o problema é que non coñece o concello, ou se hai algún outro motivo polo que toma este tipo de decisións para prexudicar a un veciño en concreto pola cor política a que pertence?”. O concelleiro socialista tamén afirma que “é asombroso como responde o alcalde nos plenos” e esíxelle “seriedade”, xa que tal e como lle lembran “foi elixido para representar a todos e todas os veciños e veciñas do municipio, sen importar a súa cor política”.    

O PSOE de Cenlle destaca que “é inadmisible que antes de redactar e executar un proxecto, non haxa unha valoración do terreo e a zona, para que non se produzan situacións como a desta casa, discriminada polas neglixencias e a inoperancia do goberno municipal”.