O Psoe de Ourense denuncia o uso de dromedarios na cabalgata de reis

IES CHAMOSO LAMAS

O PSdeG-PSOE de Ourense denuncia o uso de dromedarios na cabalgata de reis da cidade, na que o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, despilfarrou milleiros de euros públicos para que os reis magos percorresen as rúas da cidade subidos nestes animais. Os socialistas critican que en pleno século XXI haxa persoas como alcalde de Ourense “illados na idade de pedra” e que precisan empregar aos animais como “xoguetes” sen importarlle o “estrés ou sufrimento” que estes padecen neste tipo de espectáculos.

HIPER MASIDE

Dende o grupo municipal socialista cualifican de “auténtica vergoña” o vivido na cabalgata de reis, na que o alcalde de Ourense, co aplauso e beneplácitos dos seus socios do Partido Popular optou pola contratación de tres dromedarios cun custe aproximado de 12.000 euros máis IVA. Os socialistas lémbranlle ao rexedor que Ourense é unha cidade declarada como libre de circos con animais, motivo polo que no entenden que o rexedor “opte por empregar animais en espectáculos como a cabalgata de reis, cando é algo que está completamente fóra de lugar”.

O PSOE tamén apunta que actualmente se está tramitando a nova lei de protección animal, na que se contemplo o emprego de animais en cabalgatas, concretamente no artigo 73, no que tal e como apuntan os socialistas “prohíbese o uso de animais en exposicións, beléns, cabalgatas ou procesións nas que se manteña o animal de forma antinatural conforme ás características propias da súa especie, ou inmobilizado durante a duración do evento”.

Para a concelleira do grupo municipal socialista, Juana Ageitos, esta é unha mostra máis “dun alcalde ao que non lle preocupa o benestar animal e que pensa que os pode empregar como reclamo, nun claro exemplo de maltrato animal”. A edil socialista apunta tamén a que as decisións do alcalde “prexudican a cidade de Ourense” e “deixan unha mala imaxe entre unha cidadanía, cada vez máis concienciada cos dereitos dos animais”.

Ageitos subliña que “existen informes veterinarios que constatan o sufrimento e o estrés que lle ocasionan aos animais as contornas de ruído, música alta e asfalto, nos que se ven inmersos as festas populares e cabalgatas”. Por este motivo, esíxelle ao alcalde que “deixe de empregar a animais en espectáculos e que opte por outras opcións máis éticas e que cumpran co adoptado no seu día polo pleno municipal, onde se prohibiu o uso de animais en espectáculos”.

Os socialistas lembran que non é a primeira vez que acontece algo así, xa que tal e como apuntan “fai dous anos durante a previa de Nadal, o alcalde tamén realizou un desfile con renos, que amosaban un pésimo coidado e que non se atopaban nas mellores condicións, ademais do estrés que padeceron nun clima de ruído, berros e decibelios disparados”.