Nicolás G. Casares na Internacional Socialista: “A xustiza climática tamén é xustiza social

Esta fin de semana, Madrid acolleu o XXVI Congreso da Internacional Socialista, no que o secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, foi proclamado presidente. Sánchez asume este cargo co propósito de converte á organización “na gran casa común do pensamento e a acción progresista global” e coa convicción de que “a socialdemocracia, o socialismo democrático e o laborismo estamos máis vivos que nunca e somos máis necesarios que nunca”.

Desde Galicia, foron varios os representantes socialistas que se desprazaron ata a capital para debater sobre diversos temas de grande importancia como o fortalecemento da democracia, a igualdade entre mulleres e homes, os dereitos laborais e a dixitalización, o impulso dunha economía xusta e inclusiva e o cambio climático.

AVANTAR ACTIVIDADES

O eurodeputado galego, Nicolás González Casares, foi o responsable de moderar a conversa sobre o ‘Cambio climático: desafío global’ na que participou Teresa Ribera Rodríguez, vicepresidenta terceira do Goberno e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico; George A. Papandreou, ex presidente da Internacional Socialista e ex primeiro ministro de Grecia; e Qian Hongshan, ministro adxunto de Relacións Exteriores de China. Como Ribera lembrou, “é imposible ter o corazón vermello se non temos a alma verde”.

“A xustiza climática tamén é xustiza social. E se algo nos une aos socialistas de todo o mundo é a loita pola igualdade social e eu creo que ante a ameaza climática que estamos vivindo, necesitamos unha transición enerxética que teña en conta as necesidades sociais de todos os cidadáns e cidadás do planeta”, defendeu o eurodeputado. González Casares referiuse á COP27 celebrada hai uns días en Exipto e, como se ben permitiu avanzar nas fórmulas para financiar os “os danos e as perdas” provocados polo cambio climático naqueles países “que non teñen suficientes recursos para facerlle fronte por si sos”, denotou “certa falta de ambición” na abordaxe deste desafío, ambición que “como socialistas debemos reclamar”.

“Debemos avanzar nunha nova economía verde, nunha transición enerxética que sexa xusta pero que tamén poña a tecnoloxía ao servizo das persoas”, apuntou o socialista ao tempo que urxiu á toma de medidas para afrontar o cambio climático que afecta a todo o planeta e está a provocar a primeira crise de fame en Madagascar por este motivo.