Comeza a construción da primeira fase da senda peonil na estrada N-120 de Ribadavia

IES CHAMOSO LAMAS

O Concello de Ribadavia vén de anunciar o inicio da primeira fase das obras da senda peonil na estrada N-120, entre os cruces da Franqueirán e da Torre, tras o compromiso acadado o 17 de novembro coa Dirección Xeral de Estradas, dependente do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma). A obra contará cun investimento total de 300.000 euros, dos cales 50.000 se destinarán a esta primeira fase do proxecto e na que os traballos xa comezaron.

As obras deron comezo a altura do cruce da Franqueirán, un dos principais accesos a
Ribadavia a través da rúa Piñeiral. O proxecto contempla a construción da senda peonil
por detrás dos quitamedos e contará coa instalación de muros de contención, dunha
varanda para mellor seguridade e na segunda fase, tamén se contemplará a instalación
de pasarelas para salvar os desniveis do terreo. Na primeira fase construiranse máis de
100 metros de senda e posteriormente ampliarase a mesma ata a súa finalización na
zona da Torre, concretamente na baixada da Oliveira.

O CAMPO DA FEIRA NON SE PECHA

A alcaldesa de Ribadavia, Noelia Rodríguez Travieso, mantivo un encontro a pasada
semana en Madrid cos novos responsables da Dirección Xeral de Estradas, despois de
que o Goberno fixese cambios de persoal. Na mesma, a rexedora acadou o “compromiso
total” para a construción desta senda. “Trátase dunha obra moi importante para o noso
municipio e dunha vella reivindicación do Concello, coa que melloraremos a seguridade
viaria e a confortabilidade nos desprazamentos peonís, nunha estada cun importante
volume de tráfico rodado”, explica Noelia Rodríguez, que tamén subliña que “ademais
melloraremos o aspecto visual da vila, cunha panorámica única dende esta zona máis
elevada, onde se poderá contemplar toda Ribadavia e permitirá realzar e mellorar a
imaxe da capital do municipio”.

Rodríguez Travieso fai fincapé na súa “satisfacción” porque o Goberno central,
encabezado por Pedro Sánchez, “siga realizando importantes investimentos en Ribadavia
e optando por un esforzo sen precedentes para mellorar a calidade de vida da veciñanza
e os servizos que se lles prestan”. Neste senso, a alcaldesa de Ribadavia tamén pon de
manifesto “o traballo feito para conquerir numerosos investimentos para a vila, e que
superan con creces os previstos trala toma de posesión hai case xa dous anos”. “Queda
acreditado que este goberno municipal traballa día a día por Ribadavia e por conseguir
recursos para potenciar a nosa vila, superando incluso as previsións iniciais”, afirma a
rexedora ribadaviense.

Logo da execución desta primeira fase, o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda
Urbana habilitará os fondos necesarios para continuar coa execución da senda ata o
cruce da Torre, co fin de habilitar un itinerario peonil completo, confortable e seguro ata
o núcleo urbano da vila. Unha segunda fase “máis complexa” en palabras da alcaldesa
e que “levará máis tempo en redactarse, pero temos o compromiso e a intención de
comezala canto antes para darlle continuidade a senda e rematar o proxecto o máis
rápido posible”.

Este investimento súmase a outros conseguidos polo goberno municipal, encabezado
pola socialista Noelia Rodríguez, como son os máis de 800.000 euros para a renovación
das luminarias e substitución por LED ou os máis de 900.000 euros das obras que a
Confederación Hidrográfica está levando a cabo en Ribadavia.