O PSOE de Castrelo reclama solucións ós problemas co alumeado en Santa María

O PSdeG-PSOE de Castrelo de Miño reclama solucións “urxentes” para a falta de luz pública no núcleo poboacional de Santa María. Os e as socialistas esíxenlle ao goberno municipal do Partido Popular que proceda a dar solucións á veciñanza, que leva máis dunha semana coas rúas sumidas na escuridade “absoluta”, o que ten aos veciños e veciñas “totalmente indignados”.

Tal e como relatan dende o Grupo Municipal Socialista dende a instalación das luces de Nadal “o problema repítese a diario, provocando que as rúas de Santa María queden totalmente sen luz coa chegada da noite”. Unha situación que ten moi preocupada á veciñanza, xa que tal e como apuntan dende o PSdeG-PSOE de Castrelo de Miño “faise moi difícil o tránsito por rúas sen alumeado público e supón un risco para a seguridade dos viandantes”. Segundo manifestan esta situación xa se produciu outros anos, pero por aquel entón “acontecía un par de días, sen embargo desta vez levamos xa unha semana coas rúas as escuras”.

AVANTAR ACTIVIDADES

A voceira do PSdeG-PSOE en Castrelo de Miño, Catalina González Álvarez, fai fincapé en que “non temos constancia de cal é o motivo polo que o alumeado público salta de xeito constante”, xa que segundo relata “dende o goberno municipal só nos informan de que están revisando o problema, pero a realidade é que nunha semana non houbo ningún tipo de solución”. A edil socialista tamén pon de manifesto que “estamos de acordo coa instalación das luces de Nadal, pero sempre que non causen os prexuízos que parecen estar causando, xa que dende a instalación, prodúcense estes cortes de luz”.

González Álvarez explica que a situación está causando unha “fonda” preocupación entre a veciñanza, xa que a falta de seguridade coa chegada da noite “é total”. Neste senso, a voceira socialista destaca que “os veciños e veciñas teñen que transitar polas rúas de Santa María totalmente a escuras, polo que a falta de visibilidade é total e pode xerar algunha caída ou algún accidente, motivo polo que lle esiximos ao equipo de goberno solucións urxentes”.

Dende o PSdeG-PSOE de Castrelo de Miño expresan o seu “malestar” pola falta de solucións a un problema que “está a causar importantes trastornos entre á veciñanza”, motivo polo que lle esixen ao executivo municipal que “abandone a inacción e devolva a situación a completa normalidade para que Santa María poida volver a recuperar o seu alumeado público”.