O concello do Carballiño acolleu unha xornada de recollida de voces en lingua galega no marco do “Proxecto Nós”

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

O Alcalde do Carballiño, acompañado doutros membros  do goberno e da corporación, participou da actividade sendo un dos primeiros veciños en doar a súa voz

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

FICHA PREMER NA IMAXE

O Carballiño, 23 de outubro de 2024. Ao longo de toda a xornada do mércores 23 de outubro o Concello do Carballiño acolleu na aula de informática (aula CEMIT) da Casa da Cultura unha xornada de “captación de voz” en lingua galega,  promovida pola Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia, no marco do “Proxecto Nós”, que contou coa colaboración do Concello do Carballiño para o seu desenvolvemento.

Ao longo da xornada participaron máis de cen veciños e veciñas doando a súa voz o que converte a O Carballiño nunha das localidades onde houbo unha maior implicación da súa veciñanza con este proxecto. Así mesmo participaron preto de vinte colectivos sociais e culturais do municipio como: AA.VV. de Sagra, AA.VV. Santa Uxía de Lobás, AA.VV. da Piteira, o Centro Comercial Aberto do Carballiño (CCA), Asociación Cultural Polifónica do Casino do Carballiño, a Asociación Cultural Os Potiños, a Asociación Cultural Dar Trela, Asociación Cultural Avantar, Asociación Cultural Pepa Loba, Asociación cultural, Filatrónika Dr. Anchoa, Asociación Cultural Centro de Estudios Chamoso Lamas, Asociación Cultural Entroula, Asociación de discacitados físicos ASDIFICA ou a ANPA Vila do Arenteiro. Así mesmo, participaron estudantes e profesorado do Colexio Vila do Arenteiro ou do IES nº1 así como múltiples traballadores e traballadoras co Concello ou de empresas da localidade como “OZOCOgz deseño galego”.

Así mesmo, foi moi importante a presencia institucional onde o Alcalde do Carballiño, Francisco José Fumega, foi dos máis “madrugadores” e nada máis abrir as portas ás dez da mañá sería das primeiras persoas en doar a súa voz xunto a outros membros da corporación como o tenente de alcalde, José Rafael Castro-Gil ou a concelleira de Educación e Normalización Lingüística, Lorena Castro Reinoso, que foi a encargada da organización e desenvolvemento desta xornada. Ademais doutros membros da coorporación achegaríanse tamén a doar a súa voz outros alcaldes da comarca como a alcaldesa do Irixo, Susana Iglesias Nogueira, a alcaldesa de Boborás, Patricia Torres ou o deputado autonómico Argimiro Marnotes, entre outros.

O PROXECTO NÓS

O Proxecto Nós (www.nos.gal) é un proxecto impulsado pola Xunta de Galicia (a través da Secretaría Xeral de Lingua e AMTEGA) e a Universidade de Santiago de Compostela (USC). Ten como obxectivo fundamental que a lingua galega non fique excluída de ningún dos novos desenvolvementos dixitais. Para isto, estase a realizar un importante traballo que permitirá desenvolver diferentes tipos de ferramentas, totalmente compatibles coa lingua galega, como: sistemas de síntese de voz, de recoñecemento de fala, de xeración automática de texto, de diálogo ou axentes conversacionais, de tradución automática de tipo neuronal, de extracción de información e minaría de textos, resumidores automáticos ou correctores lingüísticos automáticos, entre outros.

Grazas a ese traballo lograrase que todo tipo de máquinas e dispositivos electrónicos poidan “entender” e “falar” a nosa lingua e que, polo tanto, todo galego ou galega, poida empregar con total normalidade a súa lingua en calquera ámbito tecnolóxico: cando lle damos unha orde ao GPS do noso coche, cando falamos cun asistente de voz -como SIRI ou ALEXA-, cando se xeran subtítulos de contidos audiovisuais de forma automática, cando queremos traducir un documento, cando lle ditemos a un procesador de texto, cando pedimos unha cita no médico ou queremos facer unha xestión no banco, por pór só algúns exemplos. 

Para o Secretario Xeral de Lingua, Valentín García: “O Proxecto Nós é o proxecto máis ambicioso que se ten realizado ata o de agora de cara a que o galego poida ser empregado con total normalidade nos ámbitos dixitais. Trátase dun proxecto de país, cunha gran colaboración interinstitucional, transversal e no que estamos a conseguir que se implique o conxunto da sociedade galega: todo tipo de institucións, entidades sociais, empresas privadas así como galegos e galegas de todas as idades e de todos os puntos de Galicia que, altruistamente, doan a súa voz a través de www.doagalego.nos.gal para mellorar a calidade das ferramentas que este proxecto está a sacar adiante”

A CAMPAÑA DE CAPTACIÓN DE VOZ NO CARBALLIÑO

Para conseguir este obxectivo é preciso facerse previamente cunha grande cantidade de texto e audio de calidade en lingua galega que permita un axeitado adestramento dos algoritmos do sistema. No caso do audio precísase ademais unha grande variedade de voces para o correcto adestramento dos algoritmos e tamén a gravación de todas as variedades dialectais que ten o galego para que os dispositivos electrónicos as recoñezan perfectamente, polo que fai falta recoller as voces de milleiros de galegos e galegas e de todas as zonas nas que se empregan variantes dialectais.

Para conseguir esas gravacións en lingua galega o Proxecto Nós está a empregar dúas vías fundamentalmente: unha a través de captación de voces online (https://doagalego.nos.gal) e outra trasladándose fisicamente a diferentes concellos galegos para recoller a voz da veciñanza que desexe colaborar co proxecto a través dunha campaña impulsada pola Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia e que, nesta fase, percorrerá 16 Concellos (Xinzo de Lima, Ribeira, Fisterra, Chantada, Tomiño, Ribadeo, O Carballiño, Muros, Ponteareas, Carballo, Tui, Santa Comba, Vilagarcía e a Fonsagrada).

A CAPTACIÓN DE VOCES NO CONCELLO DO CARBALLIÑO

O Concello do Carballiño foi un destes 16 Concellos seleccionados polo Instituto da Lingua Galega (ILG) e a Secretaría Xeral da Lingua para a realización desta recollida in situ de voces entre a súa veciñanza.

Nese sentido, o alcalde do Carballiño, Franscisco José Fumega, despois de doar a súa voz declarou “é un orgullo que se pensara no noso Concello para desenvolver unha xornada deste tipo. Estou moi satisfeito da resposta que está a dar a veciñanza do Carballiño, con ducias de entidade de veciños, culturais, ANPAS, etc que se apuntaron e con máis de cen veciños e veciñas que, a titulo individual van colaborar altruistamente con esta iniciativa. Isto demostra, máis unha vez que, a do Carballiño é unha veciñanza solidaria e comprometida coa lingua galega”.

Así mesmo, a concelleira de Educación e Normalización Lingüística, Lorena Castro Reinoso, afirmou que: “a resposta da xente superou todas as nosas expectativas. Isto é unha mostra da importancia que a veciñanza do Carballiño lle da a súa lingua e en avanzar para que non fique excluida de ningún ámbito, incluido o ámbito tecnolóxico,” e acrecentou que “foi un esforzo organizativo importante para o Concello do Carballiño, pero pagou a pena. Grazas a esta xornada contribuimos desde O Carballiño a un gran proxecto de país que nos debera unir a todas e a todos”

COMO SE DOA A VOZ?

O procedemento é moi simple. Calquera persoa, non importa a idade (as persoas menores de idade que queiran participar deberán ir acompañadas do seus pais/nais ou titor/a) terá que ler unhas breves frases en galego (en bloques de 5) que sairán no monitor do ordenador: https://commonvoice.mozilla.org/gl/speak.

Podes atopar toda a información relativa a esta campaña en www.doagalego.nos.gal