A Opinión de Juan Ares Pérez: “Regreso ás raíces, a volta a Cartelle de Velo”

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Juan Ares Pérez. Graduado en Publicidade e Relacións Públicas (2021) e tamén en Comunicación Audiovisual (2024) pola UVIGO. Guionista, redactor de TV e realizador con varios premios María Luz Morales da Academia Galega do Audiovisual. Traballou no Programa Luar (2024-25), na produtora Outro S.L. de La Región (2025), na Revolta Producións (2026) e actualmente en CTV.


Na semana da celebración do Día do Libro-23 de abril presentábase en Pontevedra, na Facultade de Comunicación da Universidade de Vigo, o libro inédito Carlos Velo. A volta a Cartelle. No acto interviñan o seu editor Xose Enrique Acuña, o historiador e escritor Miguelanxo Fernández, o profesor de fotografía Jorge Lens e a profesora de cinema Anna Amorós, organizadora do acto. Neste evento, con gran afluencia de público, abordábase a faceta fotográfica do cineasta ourensán Carlos Velo. O libro é unha mostra de fotografías sobre Cartelle, o seu pobo natal, realizadas no ano 1967 nunha viaxe esporádica que realiza o cineasta desde o seu exilio en México. Este libro visto desde os nosos días é unha homenaxe etnográfica, onde retrata á xente e os lugares da súa terra.

Acto-Presentación_Libro-Carlos Velo (21.04.2026)

En palabras de Acuña, a obra recolle “unha captura sentimental da súa aldea, a súa nenez e a súa xuventude, para levar a México de volta a memoria da súa terra”. Velo, que tivera que emigrar á “terra do Sol” por mor da Guerra Civil española regresaba a Cartelle, concretamente a súa aldea Os Pereiros, nunha escapada que realizaba aproveitando a súa viaxe ao Festival de Cannes, en Francia, onde presentaba o seu filme “Pedro Páramo”, hoxe considerado de culto.

As fotografías presentes nesta publicación mostran non só unha técnica precisa e entendida da disciplina, senón sobre todo un ollar íntimo e agarimoso cara as persoas que retrata. Coa súa pequena cámara Leica, Velo reencóntranse moitos anos despois cos seus pais, xa moi maiores, para tentar inmortalizar a súa presenza, o seu recordo e o seu amor nesta breve pero intensa viaxe. O cineasta non xoga co artificio, recolle escenas da vida cotiá: o pai, nunha imaxe, revisa unhas vides e a nai aparece noutra lavando roupa nunha pedra. Porén, Velo saca a relucir de cando en vez a súa faceta como director de cinema: nunha tenra fotografía aparecen os seus proxenitores bicándose, coma se se tratase dunha escena romántica dalgún dos seus filmes. Mais Velo, ademais dun gran director de ficción, destacou especialmente por ser un prolífico documentalista. Mostra de iso son moitas das súas curtametraxes que comezou a realizar nos anos 30, en plena Segunda República, (“En un lugar de Castilla”, “Felipe II”, “Galicia y Compostela”, “Saudade”, etc.) e que perduraron ata o ano 1983, cando desenvolveu un retrato do pobo e da cultura maia. Coa súa longametraxe documental “Torero” (1956) mesmo conseguiu unha mención especial no Festival de Cine de Venecia.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

É evidente que Velo posuía un don para capturar a realidade. Sabía conectar coa contorna, cos obxectos e suxeitos que a conformaban, e crear a súa propia paisaxe fílmica. É por isto que a veciñanza de Cartelle tamén adquire un papel de especial relevancia nestas fotografías. O ourensán recorre as rúas e os camiños que o viron medrar e capta a esencia daqueles que as habitan, deses que nunca marcharon, como tivera que facer el. Veciños e veciñas aparecen sorrintes mirando ao obxectivo de Velo, quizais porque xa eran conscientes da importancia da súa figura e do orgullo de que un cartellense chegase tan lonxe. Pode que mesmo fosen os primeiros en sabelo, os primeiros en darlle ese recoñecemento, que no resto do país non chegaría ata máis tarde.

Carlos Velo. A volta a Cartelle (Portada_Libro)

Carlos Velo. A volta a Cartelle é unha mostra fantástica que nos permite coñecer outra cara dunha das figuras da cultura galega máis importantes do século XX. A súa paixón pola fotografía pálpase nesta selección de imaxes que serven amais como cápsula do tempo dunha Galiza ás veces esquecida ou menosprezada, esa dun pobo de interior con poucos recursos pero moita xente boa, humilde e traballadora, e tamén agradecida. Velo, que sempre tivo un fondo compromiso coa lingua e co sentimento de país, quixo dignificar e converter en arte a súa orixe, as súas raíces.

Carlos Velo é considerado hoxe en día un dos cineastas galegos de maior prestixio. A pegada que deixou a súa vila natal foi crucial para o seu desenvolvemento posterior. Non é un atrevemento afirmar que se chegou a onde chegou foi en parte porque nunca, xamais, esqueceu de onde viña; e este libro é o claro exemplo.

Máis información do acto:

DUVI-Diario Oficial da Universidade de Vigo:

https://www.uvigo.gal/universidade/comunicacion/axenda/presentacion-libro-carlos-velo-volta-cartelle

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------