O vindeiro sábado 10 de decembro a Plataforma do Feminismo Radical de Galicia – PFRG – celebrará unha xornada feminista no Carballiño na que varias das súas integrantes ofrecerán unha exposición das razóns polas que o feminismo e outros colectivos se opoñen á actual redacción do aínda Proxecto de Lei coñecido como “Lei Trans”.
Nesta charla, pretenden explicar que, dende o seu punto de vista, este texto legal “non afecta só a un reducido sector da poboación, senón que será de aplicación a todos, e os seus efectos tamén serán sentidos por diferentes colectivos, polo que é vital que toda a poboación coñeza o seu contido”.
A xornada contará cunha parte expositiva, na que se documentarán as razóns do rexeitamento, e un debate, no que o público poderá facer as súas achegas.
Esta cita, a cuarta en Galicia, será probablemente a última das xornadas que a PFRG poderá celebrar con este contido, xa que do mesmo xeito que foi substraído o debate ou a comparecencia de expertos durante a tramitación parlamentar desta norma, a mesma blinda os seus contidos e efectos coa inclusión dun sancionador que converte en delito a discrepancia ou o cuestionamento, vestindo de proteccionismo a cancelación de dereitos fundamentais como o de expresión e comunicación.
Así, ante a inminente aprobación da Lei, a Plataforma considera que esta podería ser a última oportunidade de falar en termos críticos da mesma sen que poida supoñer unha sanción económica.
Teñen a intención de ofrecer un debate sosegado e racional, exercendo o democrático dereito a expresarse, aludindo que este dereito tratou de cancelarse nalgunha das anteriores citas que realizaron a través de escritos de agrupacións transactivistas dirixidos aos Concellos onde se celebraban, nos que esixían que estas xornadas foran prohibidas.