Manuel Baltar define a “O Carrabouxo” como “un milagre diario que conecta coa filosofía da nosa xente e fai da retranca un arte”

O presidente da Deputación inaugurou esta tarde no Pazo Provincial a retrospectiva sobre os 40 anos do icónico personaxe acompañado polo director de La Región, Xosé Pastoriza, e Xose Lois González “O Carrabouxo”

A exposición está situada no primeiro andar do Pazo Provincial, no espazo onde habitualmente colgan os retratos dos expresidentes da Deputación e os ourensáns galardoados co Día das Letras Galegas. “E quen ía a ‘sacar’ estes cadros do seu sitio? So podía ser alguén cunha forza popular tremenda, coa forza de Ourense”, remarca Manuel Baltar

AVANTAR ACTIVIDADES

Xosé Pastoriza recalca a capacidade de Xose Lois “para interpretar a realidade cunha visión sarcástica que apetece ler todas as mañás” e agradece a Manuel Baltar “esta nova mostra da súa inquedanza por reivindicar os símbolos que forman a identidade propia de Ourense” 

Xosé Lois González define a súa creación como “un veciño de Ourense, nado na rúa Alejandro Outeiriño, criado e que vive en La Región, que se fixo maior a través dos libros de recompilación publicados nestes anos pola Deputación e que almorza cada día con milleiros de ourensáns”

A mostra é unha escolma da obra de Xose Lois elaborada por el mesmo: unha obra por cada ano do Carrabouxo máis unha selección da súa produción ao marxe da viñeta diaria de La Región. Estará aberta ao público ata o final do mes de xaneiro en horario de 09,00 a 14,30 horas e de 17,00 a  19,30 horas de luns a venres

Ourense, 16 de decembro de 2022.- O Pazo Provincial acolle dende esta tarde a exposición “40 anos do Carrabouxo”, unha mostra que celebra as catro décadas desta figura imprescindible da banda deseñada galega que o seu autor, Xosé Lois González “O Carrabouxo”, publica de xeito diario en La Región desde o 10 de novembro de 1982. 

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, estivo acompañado polo director de La Región, Xosé Pastoriza, e o propio autor, na inauguración dunha mostra que é “unha homenaxe ao  traballo e o compromiso do Carrabouxo” segundo resaltou o titular do goberno provincial nun acto que contou coa presenza do delegado da Xunta, Gabriel Alén, e representantes políticos e da vida sociocultural de Ourense. 

“É moi grato celebrar os 40 anos do Carrabouxo e facelo aquí, no Pazo Provincial”, remarca Manuel Baltar, que destaca como “despois de máis de 14.500 viñetas realizadas día a día en La Región, O Carrabouxo segue a sorprender, facendo da retranca un arte e creando este milagre, este símbolo de Ourense. Porque el, enxeñeiro de telecomunicacións, comunica como ninguén, encaixando dun xeito directo coa filosofía da nosa xente”. 

A exposición, avanzada polo presidente no Debate sobre o estado da provincia celebrado o pasado 8 de novembro, está situada no primeiro andar, nas paredes onde habitualmente colgan os retratos dos expresidentes da Deputación e os autores ourensáns galardoados no Día das Letras Galegas. “E quen ía a ‘sacar’ estes retratos do seu sitio? So podía ser alguén cunha forza popular tremenda, coa forza de Ourense. Parabéns e Viva O Carrabouxo!”, celebra Manuel Baltar.

Pola súa banda, Xosé Pastoriza afondou na súa intervención nos vencellos entre La Región e O Carrabouxo, “un personaxe que revolucionou dende o primeiro día as páxinas de Opinión do xornal e que seguirá aí, se el quere, ata o fin dos tempos”. 

O director do xornal recalca a capacidade de Xose Lois “para interpretar a realidade cunha visión sarcástica e crítica, cunha visión que apetece ler todas as mañás” e agradece a Manuel Baltar “esta exposición, que é unha nova mostra da súa inquedanza por reivindicar os símbolos que conforman a identidade propia de Ourense”. 

Xosé Lois González definiu ao Carrabouxo como “un veciño de Ourense, nado na rúa Alejandro Outeiriño, criado e que vive en La Región, que se fixo maior a través dos libros de recompilación publicados nestes anos pola Deputación e que almorza cada día con milleiros de ourensáns”. 

Un percorrido polos 40 anos do Carrabouxo

A exposición inaugurada esta tarde no Pazo Provincial percorre as catro décadas do Carrabouxo a través dunha viñeta seleccionada polo autor por cada un dos anos publicados en La Región (1982-2022), ademais dunha escolma de outros aspectos da produción plástica de Xosé Lois.

Neste percorrido ofrécese unha síntese dalgúns dos trazos senlleiros da obra de Xose Lois González “O Carrabouxo” (Ourense, 1949), dotado cunha excepcional capacidade para analizar a realidade ourensá e galega dende unha óptica propia, na que mistura o popular cun articulado e reivindicativo discurso sobre o territorio.

A mostra “40 anos do Carrabouxo” estará aberta ao público no primeiro andar do Pazo Provincial ata finais do mes de xaneiro de 09,00 a 14,30 horas e de 17,00 a 19,30 horas de luns a venres.