O delegado da Xunta supervisa o remate das obras no edificio hospitalario de Piñor, en Barbadás, por 80.500 euros

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, acompañado do xerente da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, desprazouse esta mañá ao concello de Barbadás para supervisar o remate das obras de mellora da seguridade viaria e da accesibilidade no edificio hospitalario de Piñor, nas que a Xunta investiu 80.535,46 euros.

O delegado territorial explicou que o obxectivo destas intervencións, executadas pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, por encomenda da Consellería de Sanidade, foi o de reforzar a seguridade viaria, favorecer a mobilidade peonil e mellorar os firmes deste centro sanitario nos lugares con maior deterioro, ademais da renovación da sinalización.

AVANTAR ACTIVIDADES

Os traballos realizados facilitan os desprazamentos a pé, para o que se executaron novas beirarrúas e ampliáronse as actuais, dispoñendo pasos peonís elevados e ramplas que favorezan os desprazamentos de persoas en cadeira de rodas.

Ademais, mellorouse a seguridade, reforzando a visibilidade dos pasos de peóns, reordenando os accesos e servizos e creando espazo para paradas de autobús, que permitirán tamén maior fluidez na circulación. Ao tempo, habilitáronse áreas de aparcadoiro reservado para ambulancias, para vehículos autorizados e para motos.

Gabriel Alén tamén lembrou o remate das obras de mellora da seguridade viaria e da accesibilidade no Complexo Universitario Hospitalario de Ourense e Verín, nas que se reforzou a seguridade viaria e a accesibilidade na contorna destes hospitais públicos, favorecendo a mobilidade, tanto de pacientes como de todo o persoal sanitario.

Este investimento forma parte das actuacións levadas a cabo pola Xunta para mellorar a seguridade e favorecer a mobilidade na contorna dos hospitais da provincia, cun investimento de máis de 380.000 euros.

Aposta pola sanidade pública

O delegado territorial lembrou que estas actuacións se enmarcan na aposta da Xunta pola sanidade pública, a través de proxectos estratéxicos como a reforma e ampliación do Complexo Hospitalario de Ourense, cun investimento de case 52, 6M€ para reforzar a atención maternoinfantil, radioloxía ou diálise.

Concretou que se están dedicando estes primeiros meses de traballo a labores previos de  organización, cambio de servizos, medicións e traslado, sobre todo, do 061 xa activado, co fin de permitir a continuación da actividade no complexo.

Apuntou que estes labores posibilitarán coller ritmo e avanzar a pleno rendemento xa, desde este momento, na construción do novo edificio de hospitalización. Ademais, referiuse á intervención en marcha para renovar e ampliar o espazo da UCI, un ambicioso proxecto de futuro para a sanidade pública de Ourense con investimentos por valor de 120 M€.