O Centro de Estudios Chamoso Lamas entrega este venres o Torques de Honra 2022, ao Arquivo Histórico Provincial, que recollerá o seu director, Pablo Sánchez Ferro.

O acto será aberto ao público e terá lugar no Aparthotel Arenteiro ás 20,30 h. 
O Centro de Estudios Chamoso Lamas entregará este venres, 30 de decembro, o Torques de Honra 2022 ao Arquivo Histórico Provincial de Ourense. O acto, que será aberto ao público, terá lugar no Aparthotel Arenteiro ás 20,30 h.
Este galardón que otorga o colectivo cultural e investigador carballiñés con carácter bianual, e que se pospuxo o pasado ano por causa da pandemia da covid, será recollido polo director do arquivo, Pablo Sánchez Ferro.
Con este galardón, que recoñece o labor daquelas persoas, entidades e publicacións na conservación, recuperación e divulgación do Patrimonio Histórico-Cultural das comarcas do Carballiño e do Ribeiro, segundo se recolle nas bases do premio, o Centro de Estudios Chamoso Lamas quere distinguir o papel esencial desenvolvido polo Arquivo Histórico Provincial de Ourense na catalogación, preservación e divulgación da documentación histórica provincial dende a súa creación no ano 1943 ata a actualidade, na que cómpre resaltar a recente culminación do proxecto de rehabilitación do antigo convento franciscano na que se asenta o arquivo e a incorporación da máis moderna tecnoloxía para a conservación e estudo da documentación existente, integrada por 221 fondos, dos que 153 son de orixe privada. 
Ao tempo deste recoñecemento, o Centro de Estudios Chamoso Lamas quere destacar e agradecer a contribución do director do Arquivo Histórico Provincial de Ourense, Pablo Sánchez Ferro, así como do equipo directivo e funcionarial, á proxección da entidade como un servizo aberto á investigación e á divulgación da pegada histórica nas comarcas ourensás, en especial, do Carballiño e do Ribeiro, que son o principal ámbito de traballo do Centro de Estudios Chamoso Lamas, ofrecendo sempre a máis absoluta colaboración.        
TRAXECTORIA DO TORQUES DE HONRA 
O Centro de Estudios Chamoso Lamas instituiu o galardón Torques de Honra no ano 2008, e dende entón concedeu un total de nove galardóns, sendo este último que se anuncia hoxe o décimo, tres de xeito extraordinario e sete con carácter ordinario e bianual: 
Na primeira edición, en decembro do 2008, entregáronse os Torques de Honra a Manuel Vázquez Fernández, conselleiro de Medio Ambiente da Xunta de Galicia e exalcalde do Carballiño; Aurelio Miras Portugal, deputado autonómico e exdirector xeral de Turismo, e Felipe Senén López Gómez, arqueólogo, museólogo e técnico cultural da Deputación da Coruña.
En decembro do 2009 concedeuse o galardón a Olimpo Liste e a súa dona Josefina Fernández, fundadores do Museo Etnográfico Olimpo Liste de Oseira. 
En decembro do 2011 entregouse o Torques de Honra ao Almanaque Agrícola. 
En decembro do 2013 o galardón foille concedido a Fray Damián Yáñez Neira, bibliotecario do Mosteiro de Oseira. 
En decembro do 2015 concedeuse o Torques de Honra ao Museo Etnolóxico de Ribadavia, que recolleu o seu creador e director Juan Carlos Sierra.  
En decembro do 2017 entregouse o oitavo Torques de Honra ao arquitecto nado no Carballiño Manuel Gallego Jorreto.
En decembro do 2019 concedeuse o noveno Torques de Honra aos Arquivos Catedralicio e Diocesano de Ourense, que recolleu o seu director, Miguel Ángel González García.