A iniciativa, que garante a mobilidade sostible nun treito da estrada provincial OU-1502, foi seleccionada pola FEMP nunha convocatoria de axudas no marco dos fondos Next Generation
O deputado de Cooperación, Pablo Pérez, acompañado pola alcaldesa Cristina Cid, supervisou o resultado dun proxecto que “fomenta os desprazamentos a pe ou en bicicleta ata o centro educativo, a actividade física cotiá, reduce a presenza de vehículos na zona, as emisións de gases e o ruído”
Dado que as obras se executaron nun área protexida pola proximidade do casco histórico, tamén se favoreceu a posta en valor dos recursos patrimoniais e a mobilidade dos turistas
Ourense, 30 de decembro de 2022.- O proxecto de remodelación deseñado pola Deputación de Ourense na estrada provincial OU-01502 para o camiño escolar do CEIP Padre Feijóo de Allariz foi seleccionado na convocatoria de axudas da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), para accións destinadas a mellorar a calidade de vida da cidadanía mediante a creación ou rehabilitación de contornas saudables.
A inclusión deste proxecto nas axudas, convocadas en réxime de concorrencia competitiva no marco dos fondos Next Generation, “implica que a Deputación recibirá unha achega de 120.000 euros para unha iniciativa, xa rematada, que supuxo un investimento próximo a 140.000 euros”, explicou o deputado de Cooperación, Pablo Pérez, que supervisou o resultado das obras durante a visita que realizou á zona, acompañado pola alcaldesa, Cristina Cid; a deputada provincial e portavoz do grupo municipal popular, Luz Doporto; o primeiro tenente alcalde, Bernardo Varela; e a directora da área de Infraestruturas da Deputación, Marta Docampo.
O tramo da estrada provincial no que se executaron as obras é un dos principais accesos ao casco histórico de Allariz desde a autovía A-52 e a N-525, cun tráfico medio que supera os 4.000 vehículos diarios. O estado da vía non facilitaba a mobilidade do intenso tránsito de peóns, que carecían dun itinerario cómodo e seguro para desprazarse ao colexio, circunstancia á que se sumaban os habituais atascos no tráfico tanto á entrada como á saída da xornada escolar.
Posta en valor do patrimonio e mellor mobilidade dos turistas
Ante esta situación optouse por deseñar un proxecto de mobilidade sostible na estrada provincial OU-0152, con beirarrúas más amplas, a eliminación de barreiras arquitectónicas, cruzamentos seguros con redutores de velocidade e un novo firme que reducira o ruído e as emisións de CO2.
Grazas a estas actuacións creouse un camiño escolar seguro ao CEIP Padre Feijóo, subliñou Pablo Pérez, “fomentando os desprazamentos a pe ou en bicicleta”. Un cambio na mobilidade, engadiu, que tiña por obxecto “promover a actividade física cotiá e hábitos de vida saudables, ademais de reducir a presenza de vehículos, os atascos, as emisións de gases e o ruído”.
Ademais, dado que o proxecto desenvolveuse nun área protexida pola proximidade do casco histórico, tamén se favoreceu a posta en valor dos recursos patrimoniais e se facilitou a mobilidade dos turistas.