A Deputación concede 480.000 euros en subvencións para dez proxectos e iniciativas de cooperación municipal

Entre as achegas aprobadas hoxe pola Xunta de Goberno destaca unha partida de 111.120 euros a favor do Concello de Boborás para a urbanización da parcela na que se construirá o novo centro de saúde 

Na orde do día tamén figuraba a convocatoria de axudas a deportistas ourensáns cualificados en modalidades individuais durante a tempada 2021-2022, en recoñecemento á súa traxectoria e rendemento 

AVANTAR ACTIVIDADES

Ourense, 16 de xaneiro de 2023.- A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense, reunida esta mañá baixo a presidencia do vicepresidente primeiro, Rosendo Fernández, concedeu máis de 480.000 euros en subvencións a dez proxectos e iniciativas locais, ademais de aprobar as bases para a concesión de axudas a deportistas ourensáns cualificados en modalidades individuais durante a tempada 2021-2022. 

Entre as subvencións aprobadas no ámbito da cooperación municipal destaca unha achega de case 111.120 euros a favor do Concello de Boborás, para a urbanización da parcela na que se construirá o novo centro de saúde. Esta é unha das catro axudas concedidas hoxe a Boborás, entre as que tamén figuran 48.000 euros para a integración paisaxística da contorna da capela de San Pantaleón; 40.000 euros para cofinanciar un proxecto de eficiencia enerxética do IDAE; e 16.000 para o arranxo de lavadoiros. 

A relación de axudas concedidas a concellos complétase coas seguintes achegas: 38.000 euros para Arnoia destinados a melloras na rede de saneamento; máis de 44.000 euros a Lobeira para unha iniciativa en cofinanciamento coa Xunta de Galicia; 48.000 para o acondicionamento e pavimentación  da rúa da Igrexa en Petín; 46.000 euros para mellora de vías municipais en Rairiz de Veiga; 48.000 para o Concello de Toén coa mesma finalidade; e 45.000 a Vilar de Barrio para proxectos correspondentes ao pasado exercicio. 

Axudas deportivas por mérito e categoría 

Polo que respecta ás bases para a concesión de axudas a deportistas ourensáns cualificados en modalidades individuais durante a tempada 2021-2022, esta convocatoria realízase mediante o procedemento de concorrencia competitiva. Conta cun orzamento de 30.000 euros e ten como finalidade incentivar aos deportistas ourensáns cualificados recoñecendo a súa traxectoria e rendemento. 

Os beneficiarios das subvencións, que poderán optar a unha contía máxima de 3.000 euros en función dos seus méritos e categoría, deberán ser  deportistas federados, de categorías de base ata absoluta, e exclusivamente de modalidades deportivas individuais, excluíndo por tanto os practicantes de deportes de equipo. 

O prazo de presentación de solicitudes iniciarase trala publicación da convocatoria na Base de Datos Nacional de Subvencións e rematará o 28 de febreiro.