O PP de Ribadavia considera o orzamento presentado polo goberno municipal unha tomadura de pelo á veciñanza de Ribadavia.

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO
  • Os populares sinalan que o orzamento presentado é a proba de que o goberno municipal de PSOE e Ribeiro en Común carece de proxecto para Ribadavia e, ademais, renuncian xa a facer nada no que resta de mandato quedando patente a súa incapacidade para xestionar o concello.
  • O orzamento municipal solo contempla a subida obrigatoria por lei do salario dos traballadores municipais e o cofinanciamento do investimento, xa comprometido de exercizos anteriores, para a obra de renovación de canalizacións en San Cristovo.
  • Os populares sinalan que o goberno somete a aprobación o orzamento pola vía de urxencia para intentar evitar que a oposición teña a información completa sobre o peche do exercizo económico 2022 que, moi probablemente, se pechará con unha cantidade moi importante de facturas sen recoñecer que terán que tramitarse pola vía do recoñecemento extraxudicial de créditos.

Ribadavia, 26 de xaneiro de 2023.- O Partido Popular de Ribadavia considera o orzamento presentado polo goberno municipal unha tomadura de pelo á veciñanza de Ribadavia. O orzamento que ven de presentar o goberno bipartito de PSOE e Ribeiro en Común é a mostra inequívoca de que estes grupos carecen de proxecto para Ribadavia e, ademais, queda claro que renuncian totalmente a contemplar novos investimentos para o exercizo 2023, demostrando unha absoluta deixadez e falta de ambición, ademais dun desprezo á veciñanza xa que renegan de exercer as súas competencias e deciden quedarse de brazos cruzados á espera de que chegue o mes de maio.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Os populares denuncian que o orzamento para 2023 contempla cero euros para investimentos novos a acometer neste exercizo, o que significa que o goberno municipal incumpre os acordos plenarios polos que se comprometía a dotar partidas orzamentarias para cofinanciar obras importantes como a extensión da rede de abastecemento e saneamento municipal ás localidades de A Groba, As Chabolas e o Seixo.

O único que fan estes orzamentos é recoller a obriga legal, derivada da Lei de orzamentos xerais do estado, de aumento salarial dos traballadores municipais e recoller a partida, comprometida en exercizos anteriores, destinada a cofinanciar a obra que está a executarse de renovación de canalizacións en San Cristovo.

Os populares sinalan que o goberno municipal, nunha mostra absoluta de falta de respecto á oposición, introduce este orzamento para o seu debate en Pleno pola vía de urxencia evitando que sexa ditaminado pola comisión especial de contas e furtando totalmente a posibilidade de que a oposición faga un estudo pormenorizado do documento orzamentario. Ademais, detrás desta decisión de introducir o orzamento pola vía de urxencia subxace o interese do goberno de ocultar os datos e as magnitudes económicas do peche do exercizo 2022, intentando ocultar dese xeito o importante número de facturas que quedarán sen recoñecer e sen pagar correspondentes ao ano 2022, e que terán que ser recoñecidas posteriormente pola vía do recoñecemento extraxudicial de créditos.

Con esta forma de actuar, introducindo o orzamento pola vía de urxencia e dándolle o borrador do mesmo aos grupos só 72 horas antes do Pleno, queda claro que o goberno municipal pretende ocultar a realidade económica do concello de Ribadavia aos grupos da oposición e á veciñanza de Ribadavia. Pretende ocultar a nefasta realidade económica dun concello que vai pechar o ano 2022 con unha importantísima cantidade de facturas sen recoñecer e sen pagar, un concello que paga aos seus provedores con mais de 220 días de retraso, e un concello ao que moitas empresas xa se negan a subministrar material ou prestar servizos polos importantes impagos que se van acumulando.