A Xunta e a Deputación cooperan no financiamente do abastecemento na Groba e As Chabolas, en Ribadavia

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, e o vicepresidente segundo da Deputación de Ourense, César Fernández, reuníronse esta mañá no Pazo Provincial coa alcaldesa de Ribadavia, Noelia Rodríguez, para comunicarlle que a Xunta de Galicia e a Deputación Provincial de Ourense cooperarán na cofinanciación das obras de abastecemento e saneamento na Groba e As Chavolas no concello de Ribadavia.

Ambas as dúas administracións asumirán o 80% do custo total do proxecto, o que supón que cada unha delas achegará o 40%, 263.000€, para a execución do proxecto cuxo importe total ascende a 655.180,39 €.

AVANTAR ACTIVIDADES

Con esta actuación, a Xunta colabora na extensión da rede municipal de abastecemento e saneamento do concello de Ribadavia ata estas localidades que, a día de hoxe non estaban conectadas. Deste xeito, preto de 150 veciños destas localidades terán garantido o abastecemento de auga desde á rede municipal.

Esta intervención enmárcase na aposta que vén facendo a Xunta por acompañar e apoiar aos concellos, especialmente aos máis pequenos, nas súas responsabilidades municipais de abastecemento, saneamento e depuración.

Unha liña de traballo que intensificou coa aprobación, o pasado ano, da Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga. Esta nova lei, que entrou en vigor no mes de setembro, permitirá que a Xunta, a través de Augas de Galicia, xestione os servizos da auga de xeito profesionalizado naqueles municipios que así o desexen e o soliciten voluntariamente.

A Xunta continúa prestando o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que poidan exercer de modo eficiente as súas competencias municipais relacionadas coa auga e continuar mellorando a calidade de vida dos galegos.