O grupo socialista denuncia a “inexistente xestión” do parque do Xurés pola Xunta, e reclama unha “aposta decidida” para convertelo en “motor económico da comarca”

Carmen Rodríguez Dacosta acusa ao goberno galego de dedicar 7 euros por hectárea cada ano, co resultado de que na última década ardeu a metade da área protexida

Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 2023. A portavoz de Política Forestal do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, vén de denunciar no Parlamento as graves consecuencias da inexistente xestión do Parque de Xurés por parte do goberno galego. Dacosta presentou unha pregunta oral na que lembra que o Executivo tan só destina cada ano 7 euros por hectárea de parque, co que na última década ten ardido a metade da superficie protexida.

AVANTAR ACTIVIDADES

A parlamentaria socialista denunciou o “vento misturado de indolencia, incapacidade e desleixo” co que a Consellería de Medio Ambiente “vai arruinando o Baixa Limia – Serra do Xurés”, e reivindicou unha “aposta decidida” para facer deste espazo o “motor económico da comarca”. Logo de 30 anos da súa creación, dixo que “a protección fronte aos incendios dunha zona tan rica en patrimonio natural é inexistente”, polo que “este mes de novo cheira a fume no Parque”.

Criticou a falla de investimento na xestión e protección do parque, ata o punto de que teñen suprimido a única brigada que contrataba a Consellería para facer tarefas de prevención e mantemento durante seis meses ao ano, apenas un mes por cada un dos concellos. Alertou de que ás portas da Semana Santa as rutas de sendeirismo están sen limpar, a sinalización deteriorada, e os concellos non coñecen os plans da Xunta para a limpeza.