O Psdeg-Psoe presenta as súas candidaturas na comarca de Valdeorras co obxectivo de seguir a mellorar os resultados e ampliar o número de alcaldías na bisbarra

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

O “poder municipal socialista” representa “o avance e o progreso que a provincia de Ourense tanto precisa e que xa vemos en concellos como O Barco, Vilamartín ou Petín, exemplos do bo facer que debe estenderse ao resto de municipios da bisbarra”, afirman dende o PSOE

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

“Da man do PSdeG-PSOE hai futuro para Ourense, e hai futuro para a bisbarra de Valdeorras e os seus concellos” sinalan, a vez que tamén apuntan que “o socialismo vai camiño de consolidarse como forza maioritaria na provincia con candidaturas fortes e gañadoras”

Valdeorras, 24 de febreiro de 2023. O PSdeG-PSOE de Ourense vén de presentar as súas candidaturas na comarca de Valdeorras para as vindeiras eleccións municipais de maio de 2023, nun gran acto celebrado en Vilamartín. Os alcaldes de O Barco e Vilamartín, a alcaldesa de Petín e os candidatos e candidatas ás alcaldías de Carballeda de Valdeorras, Rubiá, A Rúa e A Veiga participaron neste encontro no que estiveron arroupados polo secretario provincial, Rafael Rodríguez Villarino, así como por outros cargos do partido e militantes socialistas chegados de tódolos puntos da provincia.

O obxectivo que se marcan dende o PSdeG-PSOE é o de mellorar os resultados electorais nunha comarca no que os socialistas marchan por diante do PP en votos e na que aspiran a “ampliar” o número de alcaldías actuais. Os e as socialistas traballarán por rematar coa “discriminación histórica” que vive Valdeorras da man dos gobernos do PP e por darlle voz a unha veciñanza que precisa de infraestruturas e de melloras nas conexións e na sanidade.

O “poder municipal socialista” representa “o avance e o progreso que a provincia de Ourense tanto precisa e que xa vemos en concellos como O Barco, Vilamartín ou Petín, exemplos do bo facer que debe estenderse ao resto de municipios da bisbarra”, afirman dende o PSOE, a vez que tamén apuntan que é “por iso que en maio temos a oportunidade de facer cambiar a realidade nesta provincia que está en mans dun baltarismo rancio e caciquil”.

Os e as socialistas dan deste xeito o pistoletazo de saída da precampaña electoral na comarca de Valdeorras no que destacaron a necesidade de apostar pola “política útil” do PSdeG-PSOE para mellorar a calidade de vida da veciñanza, nunha comarca que foi historicamente “abandonada” e “maltratada” polos gobernos do Partido Popular tanto en Madrid, como na Xunta e na Deputación de Ourense. “Estamos nunha comarca que mira o futuro da man do PSOE, que desbloqueou proxectos claves como a circunvalación do Barco, o arranxo da N-120 e que deu os trámites pertinentes para que nun futuro a A-76 que unirá Ponferrada e Ourense sexa unha realidade”, subliñaron os socialistas.

O acto tamén serviu para reivindicar o traballo do PSdeG-PSOE de Ourense tanto a nivel municipal, como comarcal, provincial e autonómico, nunha bisbarra na que os e as socialistas estiveron moi presentes ao longo dos últimos catro anos. Cabe destacar as constantes reivindicacións na procura de rematar cos recortes e o desmantelamento de servizos no Hospital Comarcal de Valdeorras, a reclamación duns servizos sanitarios dignos para a bisbarra, a loita contra o peche do COC de Iberdrola na Rúa, así como diferentes iniciativas presentadas na Xunta de Galicia e na Deputación de Ourense para o arranxo de infraestruturas como a estrada de Santo Agostiño, en Viana do Bolo; a estrada de San Vicente, en Vilamartín; a mellora da OU-533; ou a creación dunha rede de tratamento contra a silicose en Ourense.

No acto foron presentados os diferentes candidatos e candidatas que concorrerán as vindeiras eleccións municipais do vindeiro mes de maio. Repiten o alcalde de O Barco, Alfredo García Rodríguez; a alcaldesa de Petín, Raquel Bautista Carballo; e o alcalde de Vilamartín de Valdeorras, Enrique Álvarez Barreiro. Tamén volven a presentarse como candidatos á alcaldía Luís Fernández Gudiña en A Rúa; Fernando Fernández Yáñez en A Veiga; e Raquel Méndez Ramos en Rubiá. A novidade chega en Carballeda de Valdeorras, onde o candidato será Cesáreo Ramos Gómez. Os e as socialistas seguen traballando na elaboración das listas e nas candidaturas de Larouco, O Bolo e Viana do Bolo que se darán a coñecer en próximas semanas.

O secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, asegurou que as cifras indican que o socialismo vai camiño de consolidarse como a forza maioritaria na provincia de Ourense, co impulso de candidaturas sólidas, fortes e gañadoras coma as que encabezan os alcaldes, alcaldesas e candidatos e candidatas de Valdeorras. “Da man do PSdeG-PSOE hai futuro para Ourense, e hai futuro para a bisbarra de Valdeorras e os seus concellos”, asegurou Villarino.