A Deputación e os concellos de San Cibrao e Pereiro avanzan no estudo do futuro da xestión da depuración de augas nas áreas empresariais

O presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, e os alcaldes de ambos concellos, Manuel Pedro Fernández e Luis Menor, mantiveron unha reunión no Pazo Provincial para analizar o actual escenario e as posibles alternativas 

No encontro -no que tamén estivo o delegado da Xunta, Gabriel Alén, a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, a edil Marta Novoa e o director da área de Medio Ambiente da Deputación, Javier Bobe- resaltouse a necesidade de repartir dun xeito máis xusto as responsabilidades no funcionamento da EDAR instalada en San Cibrao e que tamén presta servizo ás áreas empresariais de Pereiro e o Parque Tecnolóxico de Galicia 

AVANTAR ACTIVIDADES

Ourense, 25 de febreiro de 2023.- A Deputación de Ourense e os concellos de San Cibrao das Viñas e Pereiro de Aguiar avanzan no estudo do futuro da xestión da depuración de augas nas áreas empresariais de ambos municipios. 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presidiu na Sala de Xuntas do Pazo Provincial unha reunión cos alcaldes de ambos concellos, Manuel Pedro Fernández e Luis Menor, para analizar o actual escenario e as posibles alternativas nas que as administracións levan tempo traballando, despois de que o Tribunal Supremo confirmase esta semana a sanción ao Concello de San Cibrao das Viñas de 1 millón de euros e unha indemnización de 184.745 euros por vertidos ao río Barbaña. No encontro tamén estiveron presentes o delegado da Xunta de Galicia, Gabriel Alén; a concelleira de San Cibrao das Viñas Marta Novoa; a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez; e o director da área de Medio Ambiente da Deputación, Javier Bobe. 

Esta reunión supón seguir traballando na folla de ruta trazada pola Deputación e os concellos de San Cibrao das Viñas e Pereiro de Aguiar para crear unha entidade de xestión do servizo de depuración e control das augas residuais nos polígonos industriais de San Cibrao, Barreiros, Pereiro de Aguiar e no Parque Tecnolóxico de Galicia. Como xa se ten referendado en reunións previas, enriba da mesa está a necesidade de crear un novo sistema para un mellor reparto de responsabilidades e riscos no funcionamento da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) instalada en San Cibrao, cuxa responsabilidade recae hoxe en exclusiva neste concello.