Pachi Vázquez preséntase este venres como candidato á alcaldía do Carballiño

A formacíón de Espazo Común do Carballiño anunciaba hoxe a proposta de Pachi Vázquez como candidato a alcaldía do Carballiño. Facío a través do seguinte comunicado, no que convidan a todos á súa presentación este vindeiro venres.

“Por absoluta unanimidade. Así foi determinado que sexa Pachi Vázquez o candidato de Espazo Común á alcaldía do Carballiño de cara ás eleccións do vindeiro 28 de maio.

AVANTAR ACTIVIDADES

Todos e cada un dos membros da Xuntanza Local do Carballiño estiveron de acordo en que a experiencia dun dos políticos máis importantes da historia deste pobo é imprescindible para reconducir moitas das eivas que foron aparecendo estes últimos anos e que ameazan seriamente o noso futuro.

“Despois de catro anos de intenso traballo dende a oposición, estando en cada recuncho onde un veciño nos requería e facendo dúcias de propostas, Espazo Común está en disposición de presentar un proxecto para O Carballiño cun grupo de homes e mulleres cheos de ilusión e gañas e será unha honra ser o candidato no pobo ao que llo debo todo” afirmou Vázquez.

Manuel Vázquez Fernández (Pachi) nado no Carballiño en 1955 é un home sobradamente coñecido pola súa implicación coa vila que o viu nacer e incluso cando o camiño político o levou a ser conselleiro de medio ambiente da Xunta de Galicia ou candidato á presidencia da mesma, sempre loitou para traer inversións que melloraran as condicións de vida dos cidadáns.

Aí están, sen ir máis lonxe, o enlace da autovía, a gratuidade desta para ir a Ourense, o campo de fútbol de herba artificial da Uceira, a depuradora do Carrás, o Camiño dos Arrieiros, a construción dun parking subterráneo no centro, o Paseo do Arenteiro e moitas outras dunha lista que se faría interminable.

 “Levamos catro anos a pé de pobo, coñecemos moi ben cada rúa, cada camiño, cada recuncho desta xeografía e temos un diagnóstico claro do que se precisa. E o que é aínda máis importante, temos a enerxía e o equipo necesarios para levalo a cabo” aseverou Vázquez.

A candidatura oficializarase nun acto público aberto a toda a cidadanía que desexe participar no Hotel Arenteiro este vindeiro venres 10 de marzo ás 8 da tarde no Hotel Arenteiro”.