O Obradoiro de instrumentos da Deputación programa un concerto didáctico este xoves no Marcos Valcárcel

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O grupo Lubicáns ofrecerá este xoves, a partir das 20,00 horas, o concerto “Historias dos instrumentos musicais na tradición galega”, un repertorio bailable instrumental galego, con pezas recollidas na Limia polo Arquivo Castro Vicente e tamén aprendidos de referentes da música tradicional ourensá

O salón de actos do Centro Cultural Marcos Valcárcel acolle este xoves, 15 de decembro, a partir das 20,00 horas un concerto didáctico gratuíto dos Lubicáns, programado polo Obradoiro de instrumentos musicais da Deputación de Ourense como actividade de Nadal. 

O domingo día 17 no San Amaro: I Mercadillo de Primavera ----------------------------------------------------------------------------------------------------------

En “Historias dos instrumentos musicais na tradición galega”, os Lubicáns ofrecerán unha repertorio bailable instrumental galego -muiñeiras, xotas, valses, pasodobres, polcas…-, recollidos principalmente na Limia polo Arquivo Castro Vicente durante os últimos trinta anos, e tamén aprendidos de referentes da música tradicional ourensá como Faustino Santalices, Modesto Sánchez, Ermelinda do Muíño, Faustino Luis Seoane ou Paco de Escornabois. 

Durante hora e media de concerto didáctico, os Lubicáns repasarán a tradición dos instrumentos de vento en Galicia -frautas, pínfanos, frauta de tres buratos…-; instrumentos de palleta libre -acordeón diatónico, concertina…-, a trompa, gaitas antigas ou variedades de tambor. 

O grupo falará tamén da música dos cegos e os seus instrumentos, e reflexionará como en cada sociedade e época se adoptan distintos instrumentos para as súas músicas, ou se crean novos instrumentos. Todo elo combinado con historias e curiosidades. 

O grupo está formado por Félix Castro -gaitas, acordeón diatónico, concertina-; Cástor Castro -frautas, trompa…-; Marcos Saburido -tambor e caixa-; Diego Iglesias -bombo-, e Soco Rúa, na pandeireta. 

Con esta formación, Lubicáns pretende, segundo sinalan eles mesmos, “revalorizar e difundir o repertorio e estilo propio ourensán”. O nome do grupo, Lubicáns, é, explican, “a denominación que se lle dá na Limia e parte de Zamora ao lince, animal de natureza fuxidía e case invisible. Como foron as nosas músicas durante moito tempo”. 

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------