O BNG urxe a necesidade de aprobar o antes posíbel o PEPOU e insta ao Goberno Local a tomarse en serio o Plan

IES CHAMOSO LAMAS

Para os nacionalistas o incidente acaecido na noite de reis nun inmóbel da rúa Pizarro evidencia a necesidade de aprobar o plan e apostar decididamente pola rehabilitación e a posta en valor de toda a zona histórica.

 O incidente da pasada noite de reis na que un mozo quedou atrapado logo de ceder o piso dun edificio en ruínas na rúa Pizarro, en plena zona histórica de Ourense, revela, amais da temeridade do rapaz por acceder a u edificio en claro estado de ruína, a necesidade, segundo o BNG, de abordar a problemática sobre a situación de abandono na que se atopan moitos edificios espallados ao longo de toda a zona histórica.

Para o Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense, cómpre aprobar canto antes o PEPOU, documento que xa tiña que ter entrado en vigor este pasado 2021 pero que por mor da clamorosa falla de interese do actual Goberno Local de PP – DO non avanza o suficiente. Un documento que establece as liñas a seguir no tocante á rehabilitación, ao asentamento poboacional, da actividade comercial, dos servizos básicos e das infraestruturas.

Para o concelleiro Luis Seara “o PEPOU é unha ferramenta chave no tocante á rehabilitación e posta en valor da zona histórica. Cómpre apostar pola rehabilitación das moitas vivendas existentes na zona , a máis extensa de Galiza”.

Seara lembra que desde o BNG veñen reclamando desde hai tempo a posta en marcha de iniciativas específicas para a zona histórica da cidade. “Solicitamos vía pleno a elaboración dun Plan Director para coordinar e supervisar todas as intervencións que se fagan na zona respectando o patrimonio existente, reclamamos unha aposta decidida pola rehabilitación de vivenda con carácter público e a súa saída ao mercado con prezos xustos, tamén a necesidade de pacificar a zona altamente saturada de ruídos e por fin ao acceso indiscriminado de vehículos ou mesmo un plan de recuperación económica da zona, entre outras”.

Para a formación nacionalista a desidia e o desdén co que o actual goberno PP – DO trata a zona histórica esta contribuíndo ao seu despoboamento e ao seu abandono. “custou moito esforzo, tempo e diñeiro que a zona histórica recuperara o pulso e a actividade, máis coa política de non facer nada e mirar cara outro lado do actual goberno todo ese traballo estase tirando ao lixo”.

SPORTUR GALICIA 2022

Para o BNG o incidente da pasada noite revela a necesidade de aprobar o PEPOU e ter deste xeito “a folla de ruta sobre a cal cimentar a verdadeira recuperación da zona histórica, zona na que hai que crer firmemente, algo que o actual Goberno Local non demostra”.

Os nacionalistas afirman que seguirán apostando por iniciativas encamiñadas a reverter a situación pois entenden que “Ourense non pode darlle as costas ao seu corazón, a súa alma, ao seu berce e a súa propia historia, seguiremos insistindo”.