Pachi Vázquez esbozou parte das súas propostas para cambiar o pobo se chega á alcaldía o 28 de maio.
Ata a metade das escaleiras que dan acceso ao salón de actos do Hotel Arenteiro chegaba a xente que asistiu á presentación de Pachi Vázquez como candidato de Espazo Común á alcaldía do Concello do Carballiño nas vindeiras eleccións municipais.
Unha sá ata a bandeira e a obriga de ter que improvisar un altofalante no pasillo que dá acceso ao lugar para que os que quedaron fóra poideran escoitar aos intervintes, ise é o resumo e a mellor valoración da posta de largo da precampaña de Espazo Común.
Nun emotivo acto, cheo de mensaxes de agradecemento e de propostas para o futuro, foi o voceiro do Grupo Municipal local, Adolfo Nogueira quen tomou a palabra en primeiro lugar.
Nogueira expresou a súa convicción de que Espazo Común é xa a referencia da política no Carballiño, despois de catro anos de intenso traballo. Estando en cada recuncho onde foron requeridos pola veciñanza, presentando propostas en tódolos plenos e fiscalizando o desastre do actual goberno para denunciar os moitos erros que foron deixando, cal regueiro, polo camiño.
Despois, cunha moi calurosa acollida por parte do público foi o turno de Pachi Vázquez quen afirmou “estar con gañas e ilusión para devolverlle a O Carballiño todo o que lle debo traballando para construirlle un futuro”.
Asemade esbozou certas accións que serán as primeiras no caso de ter, despois do 28 de maio, a responsabilidade de gobernar. Medidas para resolver o conflito do Asilo, sobre o Centro de Saúde, sobre o pendello intermodal, melloras ambiciosas no sistema de conciliación e algunhas máis que irá desgranando nas vindeiras semanas.
“Temos o mellor equipo de homes e mulleres e temos gañas. Cando quixeron pechar un colexio, alí estabamos nós. Cando comezou o conflito no Asilo, alí estabamos nós. E así en tódolos temas importantes deste pobo. A xente xa sabe quen traballa e quen só fai fotos”.
“Xa falan de pactos e de acordos, o noso único acordo é cos veciños e veciñas deste pobo. Nós imos a gañar e, pese a quen pese, imos estar no vindeiro goberno municipal” dixo Vázquez que foi ovacionado en varias ocasións polos asistentes.
O acto tamén contou coa presencia dalgúns dos candidatos que se van presentar baixo as siglas de Espazo Común en diferentes puntos da xeografía galega.