Gabriel Alén destaca as medidas dos dereitos dos consumidores

O delegado territorial da Xunta, Gabriel alén, visitou hoxe na Praza de Abastos de Ourense, un dos puntos informativos habilitados pola Xunta con motivo do Día Mundial dos Dereitos das Persoas Consumidoras nas sete principais cidades galegas nos que se convidará á cidadanía  a coñecer máis sobre os seus dereitos como persoas consumidoras e sobre as ferramentas que a administración autonómica pon ao seu dispor para asesorarlle, acompañarlle e, en último caso, axudarlle a restituír os seus dereitos.

Así, o IGCC conta con oficinas nas sete principais cidades galegas, e co teléfono gratuíto 900 23 11 23. Ademais, a través da web consumo.xunta.gal, as persoas consumidoras poden informarse e tramitar en liña as súas reclamacións. O delegado territorial explicou que complementariamente, realizaranse  accións formativas dende o 1 de marzo en diferentes centros educativos da xeografía galega. En concreto na provincia de Ourense participan un total de 188 estudantes dos IES Vilamarín en Vilamarín, Lauro Olmo de o Barco de Valdeorras e o Carlos Casares de Viana do Bolo

AVANTAR ACTIVIDADES

Durante o ano  2022, a Xunta, a través do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, atendeu na provincia de Ourense 4.747 consultas de persoas consumidoras, fronte ás 3.104 do ano 2021, (o que supón un incremento do 53%). No caso das reclamacións, o ano pasado incrementáronse nun 49%, alcanzando as 3.287, fronte ás 2.206 do ano anterior. No que vai de ano 2023, entre o 1 de xaneiro e o 13 de marzo, téñense presentado en toda Galicia 4.197 reclamacións, das cales 535 (un 12,7%) foron na provincia de Ourense.

No ano 2023 este día estará especialmente dedicado ao consumo responsable e sostible, pero sen esquecer a importancia dos dereitos básicos das persoas consumidoras, especialmente nun mercado cada vez máis global e dixital.

Gabriel Alén lembrou tamén que a celebración do 15 de marzo verase complementada cun especial dos Venres de Consumo Responde, o 17 de marzo, que cumprirá o primeiro aniversario da iniciativa de emprazar todos os venres aos cidadáns e cidadás a un encontro dixital para preguntar dúbidas e coñecer mellor os seus dereitos.

O 15 de marzo conmemórase o Dia Mundial dos Dereitos das Persoas Consumidoras, unha efeméride instaurada en 1983 por Nacións Unidas para lembrar os dereitos que asisten a todas as persoas como consumidoras e usuarias. Dita data lembra o discurso que tamén un 15 de marzo de  1962 pronunciou o presidente dos EEUU, John F. Kennedy, ante o Congreso do seu pais e no que se considerou por primeira vez ao consumidor como un elemento fundamental dentro do proceso produtivo. Recoñeceuse a súa relevancia política e instouse ás institucións a tomar medidas para protexer os seu dereitos.