A aplicación da nova PAC, neste ano 2023, vai supor unha forte minoración de ingresos para as explotacións galegas.

A redución pode andar, de media, sobre un 30% menos que o cobrado no ano 2022.

AVANTAR ACTIVIDADES

Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2023. O novo período da Política Agraria Común (PAC 2023 -2027) ven con cambios substanciais a respecto do período anterior.

Cabe destacar que este novo período vai supor un maior grao nas exixencias medioambientais para a maioría das explotacións, obrigando a que todas as leiras das explotacións de mais de 10 hectáreas teñen de cambiar de cultivo cada tres ano, ou que o 4% da superficie agrícola se destine a elementos non produtivos, coa obriga de levar un caderno dixital da explotación ou a elaboración dun plano de xestión de aplicación dos fertilizantes coa obriga de a aplicación do xurro, a partir do 1 de xaneiro de 2024, ser efectuada mediante inxectores, así como que a relación coa administración se ten de facer obrigatoriamente por vía telemática, e quen non o faga corre o risco de se ver sometido a unha sanción, o que obrigara en moitos casos a ter de contratar un servizo externo para cumprir todos estas imposicións, co risco de que moitas explotacións desistan e se vexan obrigadas a pechar.

Porque outro dos aspectos que sofre un grande cambio é o importe das axudas directas de o comparar co que se cobraba no ano 2022 por este mesmo concepto. A PAC do ano 2022 contemplaba dous conceptos básicos polos que se cobraba, a parte de outros como eran os que se cobraban por cabeza de animais, e outros. Estes dous conceptos básicos eran, por un lado os Dereitos de Pagamento Básico mais o Pagamento Verde. Agora a partir deste 2023 son substituídos polo Apoio Básico á Renda para a Sustentabilidade (ABRS) mais o Pagamento Redistributivo (PR).

Pois bem se se comparan os importes que viña percibindo unha explotación no ano 2022 en axudas directas, isto é Dereitos de Pagamento Básico mais Pagamento Verde, e o que se prevé que cobre este ano 2023 en axudas directas, que engloba o ABRS mais o PR, esta axuda verá reducido o seu importe, por termo medio, nun 30 por cento.

A implantación do sistema de axudas na Política Agraria Común xurde coa reforma da PAC do ano 1992, con a coñecida como reforma MacSharri, o comisario de agricultura daquel tempo. O que se pretendeu con esta reforma foi a eliminación progresiva dos prezos mínimos garantidos e substituílos por axudas directas, co fin de asegurar materia prima barata ás industrias agroalimentares europeas para poder competir no mercado mundial. Axudas que en ningún caso foran quen de compensar as perdas causada polas baixadas dos prezos. Neste sentido dicir que a maioría do sector prefire que se eliminen as axudas e se pague un prezo xusto que cubra todos os custes de produción.

Con todo, estas axudas en moitos casos eran a táboa de salvación de moitas explotacións galegas, sobre todo nos sectores de bovino de carne como de leite. Polo que de aumentar as obrigas ás que se van ver sometidas e de minguar os importes das axudas é moi probábel que unha porcentaxe elevada non lle vai ficar mais alternativa que pechar, o que vai agudizar o abandono o que implica maior desertización e desestruturación do rural galego.