“ Desexo e é a miña vontade expresa que meus bens sexan para o Asilo de Pobres Anciáns que existe no Carballiño , provincia de Ourense, na casa de meus defuntos país”
Isto deixou escrito no seu testamento D. Severino Prieto Pereira asinado en Madrid o 14 de Abril de 1903.A intencionalidade do seu legado reafirmase en diferentes apartados do mesmo cando di que “Nomea herdeiros da súa fortuna aos pobres” e máis adiante : “ De modo que a miña expresa vontade é a de que os meus herdeiros sexan os pobres”.
Tralo seu falecemento no 1910 , seu irmán e albacea, Frei Juan María, en cumprimento da últimas vontades de D. Severino e demais irmáns, rexistra un documento público na notaria madrileña de D. Antonio Turón y Boscá o 6 de febreiro de 1911 polo que se constitúe un Padroado para o Asilo de Anciáns do Carballiño que quedará formado ,trala morte de D. Leandro Prieto e de Frei Juan María, polo Bispo de Ourense, o Arcipreste dos párrocos do distrito do Carballiño e o alcalde do Carballiño. A función de dito organismo será a administración do capital donado ,quedando o goberno interior a cargo da congregación relixiosa “Hermanitas dos pobres desamparados”.
A primeira edificación que ocupou o Asilo foi o actual Colexio das Monxas mais segundo explica Frei Juan María neste documento houbo que adquirir catro fincas na rúa Bugallal, actual Curros Enríquez, ante a negativa dos adxacentes da casa paterna a vender para edificar o novo asilo, cuxo proxecto lle foi encomendado ao arquitecto D. Jesús López del Rego y Labarta.
“O actual edificio do Asilo( refírese ao primeiro), despois de feitas as modificacións necesarias , converterao o Padroado en Hospital para Pobres, investíndose na transformación o indispensable, mais coidando conservar o edificio actual todo o que sexa posible .Esta obra pía do Hospital será anexa a do Asilo”…”Como o Hospital establecese para pobres acometidos de enfermidades agudas , o Padroado vixiará atentamente para que non se converta en asilo para enfermos crónicos , porque neste caso, de calquera modo que se chamase, resultarían de feito dous asilos e ningún hospital”… “ e así mesmo o Hospital debe de ser para os pobres. Coidará o Padroado de que non sexan admitidos nel pensionistas, baixo ningún pretexto; porque podería suceder que ocupado o local por tales enfermos, non quedara lugar en ocasións , para

enfermos pobres, en favor dos que se fai a Fundación”.
Con esta meticulosidade recolle o testamento de Frei Juan María Prieto a vontade dos irmáns Prieto e que non foi respectada , no caso do primeiro edificio destinado a Hospital de Pobres, por algunha directiva do Padroado.
A disposición sexta do testamento de Frei Juan María Prieto establece que o persoal interino directivo e administrativo do Hospital e mailo o Asilo serán as Hermanitas dos Anciáns Desamparados ou , no seu defecto outra comunidade católica análoga. No caso de fallar as dúas opcións anteriores o padroado nomeará tres persoas para o réxime interior: un director espiritual ou capelán, un mordomo administrador e un médico para o Asilo e Hospital.
Manobras estrañas do último Padroado deron como resultado a marcha da comunidade relixiosa primeira que se ocupou durante un século do goberno interior do Asilo con amplo recoñecemento da súa desinteresada e formidable labor por parte dos usuarios, persoal laboral externo e veciñanza de Carballiño e comarca.
1
MODIFICACIÓN DOS ESTATUTOS DA FUNDACIÓN
Na reunión do Padroado do 16 de marzo de 2009 e coa finalidade de adaptar os estatutos á Lei 12/2006 de Fundacións de Interese Galego faise unha modificación dos mesmos e enviase ao rexistro correspondente da Xunta. O 20 de xullo de 2009 son aprobados os novos estatutos polo Protectorado de Fundacións da Xunta de Galicia.
No artigo 4º recóllense os obxectivos da Fundación Asilo do Carballiño: “ A Fundación ten por obxecto dar asilo, albergue ,alimentación e prestar toda clase de coidados ós anciáns desamparados maiores de sesenta anos.(E engade).Este enunciado non ten carácter limitativo estendéndose o obxecto fundacional a canto directa ou indirectamente estee relacionado coas funcións antes expresadas, sendo en todo caso actividades sen ánimo de lucro”.
¿Que se entende ,que insinúa o de “ non ten carácter limitativo”?¿Ábrese algunha outra finalidade cando no artigo 6º se di que “Os beneficiarios dos fins fundacionais desta Fundación son os maiores de 60 anos” ,suprimindo ou esquecendo o de “desamparados” ou” pobres”?
Dos artigos 7º ao 14º fálase da obriga de inventariar e rexistrar os bens en rexistro público. Descríbese con detalle o edificio e propiedades anexas ao Asilo ,mais despáchanse con un lacónico “Demais bens e inmobles que constan no inventario da Fundación”. Desperdiciase unha boa oportunidade para que quedase constancia e transparencia de todo o patrimonio, principalmente cando no art.9º se di que o Asilo “ financiarase cos recursos que provenientes do seu patrimonio”. Cal? Vai pagar a Xunta?. Quen e como se decide a aportación dos usuarios? Que pasará cos “pobres”, “desamparados” ou con poucos recursos? ¿Que protocolo se sigue para seleccionar aos “becarios”? Xa está dispoñible o Libro de Rexistro de Inventario custodiado polo Secretario do Padroado?(Art.14ºd).
No Capitulo III adicado ao goberno da Fundación e funcións do Padroado curiosamente non se menciona as Hermanitas dos Anciáns Desamparados como responsables do réxime interno do Asilo cando se fala de “nomear apoderados xerais ou especiais” (Art.19º.e) sen recordar as prioridades establecidas polos fundadores do Asilo. A congregación relixiosa de sempre foi obrigada a apartarse e á que veu nova non se lle permitiron máis competencias que as de rezar na capela e tamén optaron por marchar . Nomease a un administrador de Zamora e a unha xerente que pronto entran en conflito co persoal laboral por tentar reducir a rateo por usuario/a e outras condicións laborais. Nos últimos días cámbianlle o nome á institución Asilo dos Anciáns Desamparados polo de” Residencia de los Hermanos Prieto”(sic en castelán)
Se é obrigatorio levar un Libro de Actas, un Libro Diario e un Libro de Inventario e Contas Anuais que problema hai en que o representante dos beneficiarios do patrimonio e servizos do Asilo do Carballiño saiban o que hai a través do seu membro no Padroado que é o alcalde segundo vontade dos fundadores ? . Existe algunha manobra para variar a vontade dos fundadores e apoderarse do gran patrimonio que deixaron os Irmáns Prieto?
O pobo do Carballiño e comarca debe ser consciente do patrimonio con fins benéficos que leva funcionando dende fai máis de 100 anos grazas á xenerosidade da familia Irmáns Prieto. A Fundación Asilo de Anciáns Desamparados do Carballiño é a institución máis antiga e que máis servizos ten prestado a esta comarca e ademais con fins solidarios e sen ánimo de lucro. É noso deber como cidadáns esixir que o futuro alcalde ou alcaldesa nos represente como é debido en dita institución para garantir que siga cumprindo o cometido establecido polos fundadores.
Bernardo García, vogal da Asociación Asilo do Carballiño (22 Mar.2023)