Espazo Común pide que o concello cubra as prazas das brigadas municipais

A formación de Espazo Común do Carballiño presenta unha moción para o seu debate no próximo pleno na que piden que se recuperen as listas de contratación para cubrir os postos vacantes das brigadas municipais. O texto da moción que presentaron foi o seguinte:

“A veciñanza do Carballiño é un clamor con respecto ao empeoramento dos servizos públicos máis básicos neste concello. Non  hai un só día no que non recibamos queixas de case tódolos puntos do pobo polo abandono e deplorable imaxe que ofrecen e que teñen que padecer os que alí viven.

AVANTAR ACTIVIDADES

Isto non é, en absoluto, casualidade. O Concello do Carballiño entrou nestes últimos anos nunha espiral privatizadora sen sentido ningún. Faise moi difícil comprender como un noutrora defensor acérrimo do público coma o alcalde Fumega rematou por ser, con moita diferencia, o rexedor máis privatizador da historia deste municipio.

Rúas sucias, algunhas polas que hai meses que non ven pasar un varredor; a maleza devorando camiños e beirarrúas; xardíns descoidados; Parque Municipal absolutamente abandoado; fochancas por tódolos sitios; pedras rotas nas zonas peonís…

Todo isto é, como dicíamos, produto dunha dinámica voraz de privatizalo todo sen valorar en absoluto a opinión dos cidadáns e aínda menos os resultados desta política.

Ao mesmo tempo, e o que é máis grave aínda, esta tendencia, trouxo consigo un paulatino desmantelamento dos diferentes departamentos do Concello. Tanto é así que nos últimos catro anos, máis de 30 traballadores foron desparecendo da plantilla municipal.

A día de hoxe non hai un só operario de limpeza viaria en nómina, non hai un só traballador de medio rural, apenas hai tres xardineiros e a brigada de obras caeu ata contar con tan só sete operarios.

Así é imposible atender ás necesidades mínimas dun pobo.

Faise, polo tanto, imprescindible recuperar un número de operarios que permita prestar de xeito adecuado os servizos básicos e voltar a contar con persoal cualificado para o bacheo, para a atención ás parroquias, para a reparación de zonas peonís, para que a limpeza viaria chegue a todo o pobo…

Para iso tan só hai que recuperar as listas de contratación para os diferentes postos e ofrecer a posibilidade a tódolos cidadáns do Carballiño de optar a estes empregos.

Visto todo o anteriormente comentado,

                                                              SOLICITAMOS

  1. Que se recuperen de xeito inmediato as listas de contratación para cubrir os postos necesarios nas brigadas municipais ata recuperar unha plantilla en condicións que poida dar resposta axeitada ás necesidades dos cidadáns“.