Expourense protagoniza o Día de Galicia na 55ª Feira AGRO de Braga

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO
  • O recinto feiral ourensán conta cun stand no que promociona as súas citas nas que a cooperación transfronteiriza xoga un papel fundamental

Braga – Portugal, 31/03/2023.- A 55ª edición de AGRO, a Feria Internacional de Agricultura, Gando e Alimentación, que se celebra dende onte e ata o vindeiro domingo na localidade portuguesa de Braga, organizou hoxe o Día adicado a Galicia. A provincia de Ourense estivo representada polo xefe territorial de Medio Rural da Xunta de Galicia na nosa província, Jorge Luis Álvarez Ferro, e a directora de Administración de Expourense, Cristina Álvarez.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

En virtude dos convenios de cooperación transfronteiriza que Expourense mantén con distintas entidades do Norte de Portugal entre as que se atopa o FORUM BRAGA, o recinto feiral ourensán conta cun stand dende o que está a promocionar as súas vindeiras citas vencelladas ó sector primario e ó turismo e nas que o mercado portugués xoga un importante papel. Ambas as dúas entidades levan máis de dúas décadas anos colaborando para garantir a promoción dos seus recursos nos eventos organizados pola outra e que están vencellados co termalismo, a gastronomía, o turismo activo ou o viño, potencialidades que comparten as dúas áreas da Eurorrexión.

Durante a visita da comitiva oficial do día ó stand de Expourense, ofreceuse unha degustación de produtos galegos como é o caso dos viños da Denominación de Orixe Monterrei, entidade colaboradora de Expourense durante todo o ano. A comitiva local estivo integrada polo administrador da Invest Braga, Carlos Silva e polo vereador de Ambiente de Braga, Altino Bessa.

As citas que Expourense está a promocionar en AGRO estes días son:

– 1º Mercado Transfronteirizo, Feira da Agricultura e Alimentación – 6 e 7 de maio.

– Ourense Vinis Terrae, X Salón do Viño e Licores Galegos de Ourense – 5 e 6 de xuño.

– TERMATALIA Uruguay, 21ª Feira Internacional de Turismo Termal, Saúde e Benestar – 4 a 6 de outubro de 2023.

– XANTAR, 24º Salón Internacional de Turismo Gastronómico – 2 a 5 de novembro de 2023.

Con esta participación en AGRO, Expourense reforza as súas relacións de cooperación transfronteiriza especialmente enfocada ao ámbito agroalimentario e ó turismo de proximidade co obxectivo de fomentar a competitividade das empresas galegas e, dun xeito especial, dos pequenos produtores ou cooperativistas.

AGRO é unha cita que desenvolve un relevante papel de promoción e divulgación dos produtos e que serve de punto de encontro das empresas agroalimentarias de todo Portugal (e tamén algunhas galegas) recibindo máis de 80.000 visitas en catro días.