O delegado da Xunta informa da licitación das obras na igrexa de San Pedro en Valdeorras

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou esta mañá, acompañado do alcalde de Vilamartín de Valdeorras, Enrique Álvarez, a igrexa de San Pedro de Correxais para informalo do anuncio de licitación das obras de restauración das bóvedas de cruzaría elaboradas en madeira das capelas laterais do cruceiro, nas  que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade vai investir 127.160,28€, e que terá un prazo máximo de execución de 5 meses.

Gabriel Alén destacou a aposta decida pola conservación do noso patrimonio histórico-cultural, xa que “este tipo de actuacións constitúen un auténtico agasallo para todos os que estamos orgullosos da nosa riqueza etnográfica e da nosa historia e para todos os que cremos nas testemuñas do pasado como unha parte esencial do noso poder de transformación”. Por iso –engadiu- “dende a Xunta queremos darlle o mellor futuro ao noso pasado máis singular”. A igrexa parroquial de San Pedro de Correxais, está protexida polo seu valor cultural ao estar incluída no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

As actuacións previstas

As obras consistirán primeiro na fixación, consolidación e protección da policromía; desmontaxe e siglado de pezas; limpeza inicial e retirada da instalación eléctrica. A continuación procederase ao apuntalamento dos nervios; reparación dos nervios con roturas; enxertos e substitucións das claves principais; reconstrucións parciais; pegados e cosidos; reproducións en madeira de elementos estruturais perdidos; replanteo da estrutura da bóveda sobre o retablo e picado e eliminación de recheos de xeso. Despois desenvolveranse tarefas de limpeza; desinsectación; enxertos; tratamentos de consolidación; tratamento do oco da parede e recolocación de ménsulas e reforzo interior da estrutura para proceder á consolidación e encalado dos paramentos.

Por último actuarase sobre o soporte coa súa desinsectación consolidación, tratamento de elementos metálicos, reintegracións volumétrica, limpeza mecánica e química, reintegración da preparación, e integración da policromía, recolocación da plementaría e a montaxe de pezas.

A igrexa de San Pedro de Correxais

De orixe románica, a Igrexa ten planta de cruz latina realizada en pedra da zona con varios corpos apegados, con cruceiro elevado e cuberta a dúas augas en lousa sobre estrutura de madeira. A torre, cuadrangular, ten oito arcos e un remate en forma piramidal, salientando na súa base unha bóveda de cruzaría, executada en cachotaría. No interior salienta o retablo maior, cun conxunto de pinturas que representan o Nadal, catro santos e as catro virtudes. Adro cemiterio ao redor.

Na devandita torre poderemos ver unha inscrición baixo o campanario que nos fala de que se fixo esta obra un tal “da Bega” no ano 1691 reinando Carlos II e sendo abade Antonio de Hoyos.

As bóvedas das capelas laterais de San Pedro de Correxais, forman “nervaduras”; é dicir, parten dunha estrutura na cal as costelas dispóñense sobre un eixe vertical seguindo o trazado dos cruceiros, formeiros e terceiróns, uníndose ás craves. Tratan de aproximarse ás bóvedas de cruzaría pétreas, características da carpintería de armar portuguesa e vasca chegando ó seu máximo esplendor no século XVII. A súa construción fórmase a partir dunha estrela de oito puntas a cal pode estar inscrita nun círculo ou nun cadrado.

As bóvedas de San Pedro de Correxais están efectuadas con madeira de castiñeiro e a pesar da súa resistencia, presentan múltiples alteracións que afectan ó seu estado de conservación.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------