A Deputación colaborará co proxecto termal do grupo OCA en Allariz, incluíndo o futuro balneario no programa de Termalismo Social

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Manuel Baltar visitou esta mañá o hotel da vila allaricense, onde manifestou o seu compromiso á hora de impulsar “a cooperación público-privada co que sería o oitavo balneario da provincia, unha vez obteña as autorizacións administrativas correspondentes”

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

O presidente do goberno provincial aposta por administracións públicas “máis proactivas” cos proxectos relacionados cos territorios de reto demográfico e, de modo especial, cos plans referidos ao sector termal

Tamén coa presenza da deputada de Reto Demográfico, Luz Doporto, e o director da área de Benestar, José Juan Cerdeira, o director do hotel, Maike Pazos, explicou o interese do hotel por incorporarse ao programa de Termalismo Social a través da modalidade de estancias máis desprazamento en tren, dada a proximidade entre a estación Ourense-Empalme e Allariz

Allariz, 3 de abril de 2023.- O presidente da Deputación, Manuel Baltar, visitou esta mañá o hotel Vila de Allariz, onde o grupo OCA vai desenvolver un proxecto termal para transformar as actuais instalacións nun balneario, iniciativa que está pendente do recoñecemento mineromedicinal das augas que afloran nos terreos deste complexo hoteleiro e que conta coa colaboración e respaldo do goberno provincial. 

Manuel Baltar estivo acompañado esta mañá polo director do hotel, Maike Pazos, a deputada de Benestar e Reto Demográfico, Luz Doporto, e José Juan Cerdeira, director de Benestar -a área da Deputación que xestiona o programa de Termalismo Social-. 

O presidente da Deputación manifestou en Allariz o seu compromiso á hora de impulsar “a cooperación público-privada co que sería o oitavo balneario da provincia, unha vez obteña as autorizacións administrativas correspondentes. 

No momento en que o hotel poda administrar tratamentos e técnicas termais “darémoslle a benvida a un novo balneario que no ano 2024 integrarase no programa de Termalismo Social da Deputación”, adiantou Manuel Baltar, o que permitirá “seguir incrementando o atractivo turístico e termal da provincia de Ourense”.

Nesta liña, o director do hotel explicou o interese dos responsables do grupo OCA por incorporarse ao programa a través da modalidade de estancias máis desprazamento en tren, dado que a estación Ourense-Empalme sitúase a pouco máis de 15 minutos de Allariz e das oportunidades que brinda o AVE. Cómpre lembrar que o novo convenio entre a Deputación e Renfe para Termalismo Social inclúe este ano as conexións directas de alta velocidade co Mediterráneo.

Acompañamento e asesoría da Deputación en iniciativas termais

O presidente da Deputación coñeceu os detalles da tramitación do proxecto para a conversión do actual complexo nun hotel-balneario de catro estrelas, e no que se adaptarán as instalacións xa existentes ás esixencias da normativa que regula os balnearios e os tratamentos terapéuticos.  

Neste encontro, o director do hotel explicou a longa tramitación requerida no proceso administrativo para converterse en balneario. Manuel Baltar resaltou a necesidade de que as administracións públicas sexan “aínda máis proactivas” cos proxectos relacionados cos territorios en situación de reto demográfico e, de modo especial, cos plans referidos ao sector termal. 

Tamén en calidade de presidente da Asociación Europea de Cidades Históricas Termais (EHTTA) e membro da Xunta Directiva da FEMP, Manuel Baltar sinalou a necesidad de reforzar o traballo interadministrativo no impulso á actividade socioeconómica nestes territorios. Unha liña de traballo que, explica Manuel Baltar, “marca o traballo diario da administración provincial no deseño de, por exemplo, as candidaturas de fondos europeos” e que se verá referendada proximamente cunha nova ferramenta que está a deseñar a Deputación para acompañar e asesorar aos concellos no impulso a proxectos termais.