Marina Ortega do grupo socialista propón atención temperá universal para que chegue a tódolos nenos e nenas que o precisen

Marina Ortega reivindica un servizo “universal e accesible para tódolos menores de 0 a 6 que o precisen”

Santiago de Compostela, 6 de abril de 2023. A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Marina Ortega, propón ao goberno galego que garanta a universalidade do dereito á atención temperá colaborando coa Fegamp para aprobar un Plan de extensión dos servizos comunitarios de atención tempera -SATS- á totalidade do territorio autonómico. Ortega presentou unha batería de iniciativas parlamentarias para reivindicar que este servizo sexa “universal e accesible para todos os nenos/as de 0 a 6 anos que o precisen.

AVANTAR ACTIVIDADES

Unha das propostas é equilibrar o investimento por neno e nena segundo o territorio, xa que na actualidade é desigual en función dos concellos. Ademáis é preciso optimizar a planificación dos servizos en función da poboación diana ou nenos que precisen este servizo.

Ademais, reclama un estudo sobre a poboación diana para a atención temperá en Galicia, e a continuación incrementar o número de unidades en base aos resultados de dito estudo para garantir a cobertura plena do servizo a tódolos nenos e nenas que o precisen. Considera “urxente coñecer a situación real e fixar o obxectivo do cen por cen de poboación atendida de 0 a 6 anos.

Os socialistas galegos reclámanlle á Xunta un informe co número total de menores atendidos polo servizo, así como a patoloxía ou causa que fai que necesiten do servizo, ademais de “optimizar a rendibilidade do investimento e a cobertura asistencial de toda a poboación infantil que o precisa”. Tamén reclama “estudar as necesidades de atención postemperá e impulsar a coordinación de Política Social coas consellerías de Educación e Sanidade” para atender a estes menores.