Carmen Dacosta acusa ao goberno galego de ter “abandonado” este recurso que supón unha terceira parte da superficie forestal galega
Santiago de Compostela, 21 de abril de 2023. A portavoz de Política Forestal do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, esixiulle hoxe ao goberno galego que cumpra co compromiso de realizar un estudo sobre a situación real dos Montes Veciñais en Man Común -MVMC-. Dacosta presentou unha pregunta oral na Comisión de Agricultura do Parlamento na que alertou do “abandono” destes monte por parte da Xunta.
A responsable socialista acadou hoxe o compromiso do director xeral de Planificación Forestal da Xunta de levar adiante un estudo sobre a estes montes que supoñen unha terceira parte da superficie forestal galega, e lembrou a urxencia de actualizar a Lei de MVMC, xa que a actual normativa foi aprobada en 1989.
Reclamou así un estudo sobre a situación institucional e o grao de goberno destes montes, incluíndo a súa administración e xestión e o réxime de usos e aproveitamentos. Explicou que a súa xestión forestal adecuada require coñecer cantos destes MVMC están en abandono, cantos montes de xestión pública teñen a condición de Montes Veciñais, cantos deles contan con instrumentos de ordenación ou o estado no que se atopa a delimitación dos lindes.
Esta información resulta fundamental para mellorar e acadar a excelencia nos montes ben xestionados, para que dispoña de planificación, certificación forestal e atención continuada, ademais de mobilizar a tódolos propietarios e comunidades de montes que os teñen desatendidos. Advertiu que o seu abandono supón desperdiciar un importante recurso económico, xa que das 10 millóns de toneladas de madeira que se aproveitan en Galicia, só 1,5 proceden destes montes.
Esixiulle á Xunta que atenda ás conclusións aprobadas na Comisión de Política Forestal que se celebrou no Parlamento en 2018 e leve adiante este estudo, aproveitando unha superficie forestal que pode converterse en motor económico do interior e un factor decisivo para o repoboamento do rural do interior de Galicia.
A responsable socialista explicou que Galicia conta con en torno a 3.000 MVMC -que ocupan unhas 600.000 hectáreas- pero só constan aproveitamentos forestais en 453 deles, mentres o goberno galego deixa desatendidos á inmensa maioría, negándose a regulalos a través dunha nova Lei de MVMC que rexeitaron no Parlamento e negándose a constituír o Consello de MVMC. Lamentou que “desaproveiten” este recurso e as súas posibilidades económicas, ecolóxicas e sociais.