O Psdeg-Psoe solicita un pleno extraordinario ante as falsidades e a falta de repostas de Baltar

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Psdeg-Psoe solicita un pleno extraordinario ante as falsidades e a falta de repostas de Baltar tras delinquir conducindo un coche oficial da deputación a 215 km/h

Segundo a lei, Baltar ten 15 días hábiles para convocalo e se non firma a convocatoria, a sesión quedará automaticamente convocada o décimo día hábil seguinte ao da finalización de dito prazo

Desde Grupo Socialista “non descartan medidas máis contundentes” nas próximas semanas se o propio Baltar, o seu grupo político ou os líderes galegos e nacionais do PP non o obrigan a dimitir

Ourense, 28 de abril de 2023. O PSdeG-PSOE vén de solicitar un pleno urxente e extraordinario na Deputación de Ourense, trala “absoluta falta de explicacións” e as “evidentes falsidades” de Manuel Baltar na sesión ordinaria de hoxe venres, tras presuntamente delinquir cando conducía un coche oficial a 215 km/h. Os e as socialistas consideran “absolutamente insuficientes” as explicacións sobre este “lamentable e perigoso episodio” e por iso “consideran imprescindible celebrar unha sesión exclusiva” sobre as responsabilidades derivadas de condutas supostamente delictivas do presidente da institución.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

“Tras coñecer que ese mesmo vehículo oficial acumula ata 10 sancións durante este mandato e que en tres de elas o presidente foi identificado como o infractor, quedou evidenciada unha mentira máis de Baltar, xa que non se trata dun ‘erro illado’ como el afirmou e si é dunha conduta temeraria e ilegal reiterada, executada con fondos e medios públicos”, denuncian.

Desde o PSdeG-PSOE “condenan rotundamente” estes graves feitos e solicitan un acordo “unánime” ao resto de grupos da corporación, incluido o PP que hoxe votou no pleno en contra da urxencia dunha moción sobre este asunto, así como aos líderes galegos e nacionais do Partido Popular, para adoptar “medidas urxentes e contundentes” contra un presidente que “puxo en risco a vida doutras persoas conducindo temerariamente cun coche oficial e que agora está sumido nunha espiral de mentiras”. “De non ser así, non descartamos medidas máis contundentes”, insisten no Grupo Socialista.

Segundo a Lei 7/1985, Reguladora das Bases do Réxime Local, o goberno provincial ten 15 días hábiles para convocar o pleno extraordinario. Se Baltar non firma a convocatoria para a celebración nese prazo, o pleno quedará automaticamente convocado ás 12 da mañá do décimo día hábil seguinte ó da finalización de dito prazo, o que será notificado polo Secretario á corporación.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------