As xornadas sobre as deputacións reivindican na súa clausura o peso das administracións provinciais no progreso do territorio

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

O profesor Eduardo Cebreiros cualificou estas xornadas organizadas pola Deputación de Ourense “coma un lugar marabilloso para expoñer proxectos e para reflexionar como foi a administración provincial, como é hoxe e como será nun futuro, situando a Ourense como centro do debate territorial dende unha perspectiva histórica”

Os relatores revisaron a evolución das deputacións e o seu papel na prestación de servizos públicos, ademais de comparar a organización territorial de España coa de Portugal, Italia e Francia

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Estas xornadas, nas que participou unha extensa representación de expertos pertencentes a 13 universidades nacionais e internacionais, atópanse enmarcadas dentro da celebración do bicentenario da Deputación de Ourense

As xornadas “A orixe das deputacións provinciais no século XIX: “200 anos fomentando a prosperidade” pecharon hoxe tras dous días nos que se profundou no papel que tiveron as institucións provinciais tanto no seu marco competencial como motor de desenvolvemento económico e social da provincia. Nestas xornadas participaron unha extensa representación de expertos pertencentes a 13 universidades nacionais e internacionais.

Estas xornadas foron valoradas de forma moi positiva polo profesor Eduardo Cebreiros, da Universidade de A Coruña, que definiu o evento “coma un lugar marabilloso para expoñer proxectos e para reflexionar como foi a administración provincial, como é hoxe e como será nun futuro, situando a Ourense como o centro do debate territorial dende unha perspectiva histórica”. 

Este marco tamén permitiu, en palabras do profesor da UDC, “dialogar e reflexionar, tanto da problemática galega como do seu espazo limítrofe e do marco competencial das provincias” . Na mesma liña, os poñentes dos diferentes relatorios agradeceron a Deputación a iniciativa de impulsar “A orixe das deputacións provinciais no século XIX: “200 anos fomentando a prosperidade”. Unha acción “que nos permitiu reunir de novo a unha serie de persoas que traballamos no mesmo tema e o que cada ano súmanse novas caras”, tal e coma afirmou o profesor José Antonio Pérez, que agradeceu ao presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, “o seu compromiso ao querer organizar esta actividade e a súa visión da historia”. 

A xornada desta mañá arrancou cunha conferencia do profesor Enrique Orduña, da Universidade Complutense, co título de “Constitución y control: la disolución de las Diputaciones provinciales (1812-1823)”. O profesor sinalou como, durante o comezo do século XIX, a potestade de suspender esta institución era facultade exclusiva do rei, pero que as Cortes podían reabrir as súas sesións mentres que o poder xudicial podía realizar dita suspensión no caso de que se cometese un delito. 

Pola súa banda, o profesor José Antonio Pérez, da Universidade Miguel Hernández de Elche, centrou a súa intervención nestas xornadas sobe o papel das institucións provinciais no momento de fomentar o progreso da provincia. Destacou o profesor que dende a Constitución de Cádiz de 1812, as provincias desenvolven un papel esencial no fomento da industria, gandería e comercio, motores da economía española naquel momento. Tamén salientou o papel das deputacións na conservación de estradas e no relativo o uso dos ríos e regadíos, destacando dentro destas competencias o papel que tivo a Deputación de Ourense á hora de facer navegable o río Miño.

Miguel Ángel Chamocho, profesor na Universidade de Jaén, incorporou a esta xornada unha revisión histórica do estudio sobre as deputacións, revisando as diferentes competencias e modelos existentes de deputacións existentes dende a súa constitución a comezos do século XIX. Durante a exposición do tema, o profesor explicou como dende un primeiro modelo descentralizado, xurdido trala Constitución liberal de Cádiz (1812), avanzouse a mediados de século cara un modelo centralizador, no que o presidente provincial actuaba como delegado da administración central, e os deputados como asesores, baixo o modelo de “administración pública”. Aínda que nas ditaduras do século XX avanzouse cara unha certa descentralización, lembrou o profesor da Universidade de Jaén como “os deputados eran elixidos de entre os concelleiros e outra metade por procuradores”. 

A organización territorial en Europa

Tras un debate no que se profundou nas competencias das deputacións e o seu papel, abriuse a perspectiva sobre o papel das deputacións noutros países, centrando o resto da xornada nas funcións que lle correspondía exercer a estes órganos dentro da estrutura administrativa do estado italiano, francés e portugués. Para elo, os profesores Marco Fioravanti, Tiphaine Le Yoncourt e José Subtil realizaron unha exposición sobre as administracións provinciais en Italia, Francia e Portugal, respectivamente.

Comezou esta ronda de intervencións o profesor da universidade de Tor Vergara, Marco Fioravanti, que repasou a historia das deputacións provinciais na península italiana, dende a invasión napoleónica, que incorporou as primeiras deputacións seguindo claramente o modelo francés. Posteriormente, continuaron exercendo un papel importante nos reinos italianos como promotores do desenvolvemento da provincia. 

Segundo o profesor, trala unificación italiana, o prefecto actuaba como pedra angular, sendo a deputación provincial un órgano administrativo dependente da administración central. Finalmente, tras a II Guerra Nundial, existiu un forte debate entre os autonomistas e os centralistas, nos que as deputacións foron un dos principais puntos de discusión. Finalmente, decidiuse manter estas institucións, atopándose dende entón en constante evolución.

No caso francés, “atopámonos ante unha clara centralización das institucións, incluíndo os departamentos”, tal e como afirmou a profesora Tiphaine Le Yancourt, debido “o medo o desenvolvemento do federalismo en francés, incluso na actualidade”, dende a reforma revolucionaria de 1789, cando nacen os departamentos como meras circunscricións, sen capacidade de decisión. Do mesmo modo, mediante os departamentos, de carácter pequeno, quérese romper as antigas provincias do Antigo Réxime. “O departamento non é espazo de liberdade local”, concíbense os departamentos coma “parte de un mesmo todo e baixo estrita supervisión” afirmou a profesora. 

“No caso portugués non existe unha figura como as das deputacións”, segundo afirmou o profesor José Subtil, profesor da Universidade Autónoma de Lisboa. Durante o século XIX, co movemento liberal xurde a necesidade de descentralizar competencias e reducir a cantidade de cámaras municipais -pasando dende os 830 a os 330-, permitindo que as entidades municipais adquirisen máis competencias e eliminando a necesidade de entidades intermedias entre o municipio e o goberno central. Ademais, para facilitar a protección civil e abordar catástrofes naturais creouse a figura dos distritos, como unha agrupación de entidades municipais, dirixidos por un gobernador civil pero sen maiores competencias. Este municipalismo manténse na actualidade, e segundo defende o profesor da Universidade Autónoma de Lisboa, a división en rexións, de acordo coa meirande parte da opinión pública portuguesa, “suporía a división da nación”.

Celebracións do bicentenario

Estas xornadas atópanse enmarcadas dentro da celebración do bicentenario da Deputación de Ourense, que tivo a súa constitución o 26 de maio de 1822. E dentro das actividades previstas destaca a exposición no Marcos Valcárcel sobre os 200 anos de historia da institución provincial, onde se poden atopar elementos coma un extracto do discurso inaugural do primeiro xefe político da Deputación, Pedro Boado Sánchez, e documentos oficiais como o primeiro Boletín Oficial da Provincia ou o primeiro libro de actas que se conserva, a partir de 1835.