O Psdeg-Psoe presenta a súa candidatura en San Cibrao, encabezada por Rafa Villarino e que aposta polo “futuro” e porque a veciñanza dispoña dun goberno á altura das súas “necesidades e aspiracións”

Os e as socialistas apostan polo pleno emprego, a conectividade e complementariedade entre servizos á veciñanza e ao emprendemento, que tal e como sinalan “serán as claves para o desenvolvemento do proxecto socialista que transformará San Cibrao das Viñas”

Villarino destacou que a misión da candidatura do PSdeG-PSOE “é situar San Cibrao no lugar que lle pertence por recursos e situación estratéxica” e apuntou tamén que “é hora de conectar o concello coa cidade, cos concellos da contorna e coa realidade”

AVANTAR ACTIVIDADES

San Cibrao das Viñas, 30 de abril de 2023. O PSdeG-PSOE de Ourense vén de presentar a súa candidatura en San Cibrao das Viñas, que encabezará o secretario provincial, Rafael Rodríguez Villarino. Os e as socialistas destacan que con Villarino e a súa candidatura, “San Cibrao ten futuro e a veciñanza disporá dun goberno á altura das súas necesidades e aspiracións”.

O acto, no que participaron ducias de veciños e veciñas, ademais de militantes e cargos do partido chegados de tódolos puntos da provincia, contou tamén coa presencia do secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, e coa secretaria de traballo da executiva provincial socialista, Beatriz Domínguez Blanco. Os e as socialistas apostan polo pleno emprego, a conectividade e complementariedade entre servizos á veciñanza e ao emprendemento, que tal e como sinalan “serán as claves para o desenvolvemento do proxecto socialista que transformará e converterá San Cibrao das Viñas nun referente galego e situará ao PSdeG-PSOE ao fronte do goberno municipal”.

O candidato socialista á alcaldía de San Cibrao, Rafa Villarino, subliñou durante a súa intervención que San Cibrao “é un dos concellos con máis posibilidades de progreso da provincia de Ourense, pero leva nas mesmas mans e instalado nun inmobilismo conformista desde hai 44 anos”. Neste senso, o líder dos socialistas ourensáns tamén quixo pór o foco sobre a maior área empresarial da provincia, e unha das máis grandes de Galicia, afirmando que “o concello permanece de costas a esta área de desenvolvemento, sen resolver os seus problemas, nin aproveitar as súas potencialidades, polo que creemos que chegou a hora dunha alternancia democrática e transmitir unha mensaxe de optimismo á poboación de San Cibrao”.

Villarino destacou tamén que a misión da candidatura do PSdeG-PSOE “é situar San Cibrao no lugar que lle pertence por recursos e situación estratéxica” e apuntou tamén que “é hora de rematar coa parálise municipal, de conectar o concello coa cidade, cos concellos da contorna e coa realidade nacional e internacional”. O candidato socialista tamén puxo o foco sobre as infraestruturas afirmando que “é tempo de dotar á veciñanza de instalacións e servizos acordes aos ingresos recibidos e de crear e cumprir expectativas aprazadas sine die pola falla de iniciativa dos titulares da casa consistorial”.

“A cultura, a educación, a sanidade, o medio ambiente, a igualdade e o tecido social contan, asemade, con candidatas e candidatos competentes, con experiencia, e capacidade de innovación que garanten o cumprimento do ambicioso programa que presentaremos en breve”, sinalou Rodríguez Villarino que tamén afirmou que “San Cibrao debe estar en mans de persoas competentes, traballadoras e comprometidas, que sitúen o pleno emprego como obxectivo prioritario do municipio con máis posibilidades de desenvolvemento de Ourense”.

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, destacou de Rafa Villarino que “da un paso adiante para poñer a disposición de San Cibrao das Viñas toda a súa experiencia como xestor público”. Neste senso, o líder dos socialistas galegos apuntou que esta experiencia chega, en primeiro lugar, “no eido municipal, pero tamén pola súa experiencia na Deputación de Ourense como voceiro provincial”.

González Formoso subliñou que Villarino “vén a ofrecer un modelo radicalmente distinto ao de Baltar. Un modelo onde claramente a ética e o seu principal principio, pero tamén o é o compromiso coa cidadanía, por riba incluso dos intereses do partido”. Por último o secretario xeral do PSdeG afirmou que “se Ourense non é capaz de inxectar optimismo, ilusión, honradez e ética na xestión pública, seguirá a decaer e seguirá a ser  referencia da parálise social en España”.

A secretaria de traballo da executiva provincial do PSdeG-PSOE, Beatriz Domínguez Blanco, foi a encargada de abrir a presentación, situando o foco no traballo como obxectivo “prioritario” e sinalou que o partido pon a dispor de San Cibrao “ao seu equipo máis cualificado, convidando á veciñanza a comprar propostas á hora de decidir o seu apoio”. Domínguez afirmou que con Rafa Villarino e a súa candidatura “en San Cibrao hai futuro e a veciñanza disporá, por primeira vez, dun goberno á altura das súas necesidades e aspiracións, sendo a área metropolitana e a provincia de Ourense beneficiarias do impulso dun concello máis moderno e eficaz”.