Gabriel Alén salienta en Cenlle a importancia das casas niño nos concellos rurais

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou esta mañá, acompañado da alcaldesa, Rebeca Sotelo, a casa niño A Brincadeira no concello de Cenlle, unha das 46 casas niño da  provincia de Ourense que cobren un total de 230 prazas. Desde a creación desta medida pioneira en 2016, a Xunta apoiou a posta en marcha de 95 casas niño para prestar atención a un total de 475 nenas e nenos, a través dun servizo que xa se converteu nun símbolo da aposta de Galicia por estender a conciliación ás contornas rurais. Estes centros ofrecen atención gratuíta de luns a venres durante un máximo de 8 horas diarias a cinco nenos de 0 a 3 anos de idade.

Na provincia de Ourense hai un total de 46 casas niño, sendo as de Verea e Pontedeva as de máis recente creación, en 2022; o que significa – mantivo o delegado territorial- “unha mostra da inequívoca aposta da Xunta de Galicia por que nos municipios rurais existan os mesmos recursos que nas cidades, nomeadamente no ámbito da familia e a infancia”.

AVANTAR ACTIVIDADES

O delegado territorial salientou  que as casas niño permiten que municipios como o de Cenlle conten cunha pequena escola infantil 100% gratuíta para as familias. Deste xeito, apuntou, Galicia será un lugar máis cohesivo e máis familiar no que a igualdade de oportunidades entre o rural e a cidade sexa posible.

O éxito que teñen as casas niño en Galicia -lembrou Gabriel Alén-  levou a poñer en marcha sete convocatorias de axudas para crear novos e centros e multiplicar por tres o seu número desde o 2016, cando se publicou a primeira orde.

Servizos a prol da conciliación

Neste sentido, destacou que estes recursos de conciliación ofrecen unha atención profesional para as nenas e nenos de 0 a 3 anos, permiten que os seus pais poidan compaxinar a vida laboral e persoal, fomentan a creación de emprego nas zonas rurais e mesmo lle dan unha nova vida a vellos establecementos dos municipios rurais.

Por iso, o delegado territorial lembrou que Galicia segue reforzando aqueles servizos de conciliación por toda Galicia que lograron situar á nosa Comunidade como unha referencia durante os últimos anos. Mostra disto é o Bono Coidado, que ofrece un apoio para a contratación dun servizo extraordinario de conciliación e que no pasado ano beneficiou a 5.000 familias; a Tarxeta Benvida, unha axuda directa para que as familias fagan fronte aos gastos polo nacemento dun bebé; ou da gratuidade de todas as escolas infantís para todos os fillos e independentemente da titularidade do centro.