O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, e o presidente provincial do PP de Ourense, Manuel Baltar, realizaron hoxe un percorrido a pé por Barbadás acompañados pola candidata do PP á alcaldía, Chelo Vispo.
Durante a súa visita tiveron ocasión de compartir impresións coa veciñanza e de visitar algúns comercios e locais do centro da vila, así como as instalacións da Asociación Fonval de Pensionistas e Xubilados.
A candidata popular agradeceu aos dous dirixentes a súa visita na medida en que, tal e como sinalou, supón un apoio ao proxecto co que aspira a obter a confianza maioritaria dos seus veciños o próximo 28 de maio. E enmarcou este encontro dentro do seu obxectivo de tecer liñas de colaboración coas diferentes administracións ante a “falta de proxectos con capacidade dinamizadora e transformadora” do actual goberno municipal.
Chelo Vispo quixo facer partícipes a Rueda e a Baltar do seu proxecto, que definiu como “ambicioso e renovado” e co que busca “reverter a parálise económica e social dos últimos anos de goberno socialista”.
Compre destacar que durante esta visita o presidente do PPdeG e o presidente provincial do PP de Ourense tiveron a oportunidade tamén de manter un encontro con mozos e mozas nas rúas de Valenzá. Un encontro que, en opinión da candidata popular “vaticina a transformación urxente e necesaria que chegará a Barbadás a partir do 28 de maio”.